A Xunta mellora a fachada e o interior do Xulgado de Sarria cun investimento de 26.300 euros

SarriaXa
As obras inclúen limpeza, tratamento hidrófugo, pintura e selado de xuntas, e completaranse con unha nova porta de peche eléctrico para o persoal
Xulgado-Sarria-reforma
25 Sep 2025

A Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes executou este verán diversas melloras no Xulgado de Sarria cun investimento de 26.300 euros, destinadas a conservar e modernizar as instalacións.

As obras incluíron a limpeza de todo o exterior e da entrada principal, a aplicación dun tratamento hidrófugo para evitar a humidade, a renovación da pintura dos paramentos e o selado das xuntas nas zonas de pedra. No interior, destaca o pintado da área de Rexistro Civil.

O delegado territorial da Xunta, Javier Arias, visitou o edificio para comprobar o resultado dos traballos, que se centran principalmente no acondicionamento da fachada para corrixir o deterioro provocado polo paso do tempo.

Arias recordou que o Goberno galego mantén un programa anual de conservación e modernización das infraestruturas xudiciais da comunidade para garantir que os servizos funcionen nas mellores condicións. Ademais, dentro do plan de reforzo da seguridade nos xulgados, a Xunta instalou o ano pasado un arco de control na entrada do Xulgado de Sarria para facilitar os controis de acceso.

O delegado tamén avanzou que antes de que finalice o ano se realizará unha nova actuación para acondicionar unha porta de paso con peche eléctrico destinada ao persoal que traballa no xulgado, mellorando así a seguridade e funcionalidade das instalacións.

⚙ Configurar cookies
0.074946880340576