A Xunta pon en valor o sector Lácteo nunha visita a unha gandaría do Páramo

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, destacou hoxe, na véspera do Día mundial do leite, a puxanza do sector leiteiro galego, como referente e eido estratéxico do agro na nosa comunidade. Fíxoo durante a súa visita á gandaría Quintián, situada na localidade lucense do Páramo, a quen situou de exemplo na transformación e á hora de xerar valor engadido ao produto.
Neste acto, a conselleira salientou a condición de Galicia como líder nacional en produción de leite, con máis do 40% do total español, e o feito de que a nosa comunidade figure no ranking europeo entre os dez primeiros postos. Lembrou, así mesmo, que Galicia transforma xa arredor do 65% do leite que produce e puxo precisamente como exemplo desta orientación a gandaría Quintián, que aposta pola produción de queixos de calidade e tamén pola venda directa do seu produto.
Nesta liña, Gómez felicitou os titulares desta explotación polo seu labor e por esa aposta pola transformación, e puxo en valor o apoio que recibiu por parte do Goberno galego, a través das achegas, como por exemplo, dos Plans de mellora, cuxa convocatoria para este ano conta cun orzamento de 47 millóns de euros, segundo lembrou a conselleira.
Remuda xeracional
No mesmo sentido, a titular de Medio Rural subliñou a aposta desta empresa familiar lucense pola remuda xeracional, xa que neste caso a actividade gandeira ten continuidade de pais a fillos. A conselleira remarcou a importancia desta cuestión e sinalou que por iso a Xunta fomenta a renovación xeracional con axudas que permitiron que preto de 5.000 mozos se incorporaran á actividade gandeira, a maior parte deles -destacou- no sector lácteo.
En parecidos termos, Gómez situou a formación como outro dos eixos claves do progreso deste eido produtivo e particular e do agro en xeral, e recordou o compromiso da Xunta con este ámbito, que se manifesta, entre outras accións, coa posta a disposición da mocidade de ata seis centros públicos especializados na materia. Do mesmo xeito, trasladou a relevancia de iniciativas como o banco de explotacións, que se está ultimando, co fin de facilitar o contacto entre persoas que queiran desenvolver o seu novo proxecto no campo e aquelas que vaian deixar a actividade.
En relación coa conmemoración mañá do Día mundial do leite, a conselleira puxo tamén de relevo que este produto e os seus derivados constitúen un alimento “san, nutritivo e saboroso”, en especial, remarcou, “se falamos de leite galego”. Por último, a titular de Medio Rural fixo un chamamento a celebrar esta xornada e o pulo acadado polo noso sector leiteiro.