A Xunta prevé rematar no verán a rehabilitación da igrexa de Santa Mariña de Sarria

SarriaXa
A intervención, cun investimento de 550.000 euros, céntrase na cuberta e na mellora estrutural e patrimonial do templo
obras-Santa-Mariña-Sarria
2 Apr 2026

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude continúa coas obras de conservación da igrexa de Santa Mariña de Sarria, que teñen como previsión estar rematadas para o verán.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, visitou este martes a execución dos traballos, nos que o Goberno galego inviste preto de 550.000 euros. A actuación principal céntrase na restauración da cuberta de lousa para solucionar as filtracións de auga ao interior do templo.

O eixo da intervención é garantir a estanquidade da cuberta, substituíndo o entaboado existente por novas táboas de madeira de castiñeiro. Tamén se está a recuperar o chapitel que remata a torre do campanario, tanto na súa estrutura de madeira como no revestimento de zinc, ademais de acondicionar a escaleira de acceso á torre e restaurar a cruz de ferro forxado situada na parte superior da igrexa.

No exterior, os traballos inclúen a mellora das carpinterías e a conservación dos muros mediante a limpeza da cantería, a eliminación de fungos e vexetación, a reparación das xuntas entre sillares e o pintado dos paramentos. Así mesmo, incrementarase a accesibilidade coa instalación dunha rampla na entrada pola porta sur.

No interior destaca a recuperación do espazo do antigo baptisterio e a restauración da pila bautismal, de orixe románico. Esta zona albergaba a caldeira da calefacción, que foi renovada e trasladada a outra parte do edificio afastada das zonas de culto.

Arias subliñou o compromiso da Xunta coa protección do patrimonio histórico, con actuacións como esta nun inmoble situado na zona de protección do Camiño Francés, e lembrou tamén a recente rehabilitación do Convento da Mercé, cun investimento de 370.000 euros.

O delegado indicou que o Executivo autonómico segue traballando na conservación dos recursos vinculados ao Camiño de Santiago, onde tamén se completou a rehabilitación da ponte da Áspera de Sarria, cun investimento de 50.000 euros por parte da Axencia de Turismo de Galicia.

0.11189293861389