A Xunta puxo en valor en as axudas para mellorar as explotacións agrarias en Láncara

SarriaXa
A explotación lancaresa beneficiaria das axudas recibiu unha axuda de 340.000 euros na convocatoria de 2024 para plans de mellora e incorporación de persoas
Conselleira-de-Medio-Rural-en-Láncara
31 Jan 2025

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, visitou a gandaría de vacún de leite Barreal Augalevada SC, onde puxo en valor as axudas do seu departamento para mellorar as explotacións agrarias e fomentar a incorporación de novas xeracións ao sector.

Esta explotación, beneficiaria das axudas, recibiu unha axuda de 340.000 euros na convocatoria de 2024 para plans de mellora e incorporación de persoas mozas, sumando un total de máis de 474.000 euros en achegas nos últimos cinco anos.

Acompañada polo director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, a conselleira subliñou que estas axudas son unha das principais liñas de apoio do Medio Rural.

Precisamente, publicouse no Diario Oficial de Galicia a resolución da convocatoria de 2024, que conta cun orzamento de 45,9 millóns de euros. Estes fondos permitirán a modernización de 370 explotacións e facilitarán a incorporación de 320 mozos menores de 40 anos, así como de 133 novos agricultores de entre 41 e 55 anos. En total, tramitaranse máis de 800 expedientes.

Gómez destacou que Lugo segue sendo a provincia máis beneficiada por estas achegas, cunha especial incidencia no sector do vacún de leite e carne. Ademais, resaltou as novidades desta convocatoria, como a inclusión de axudas específicas para agricultores de entre 41 e 55 anos, unha medida inexistente ata agora.

Outra innovación é a división das subvencións para plans de mellora en dúas categorías: unha destinada a investimentos produtivos vinculados á mitigación do cambio climático, eficiencia no uso de recursos naturais e benestar animal, e outra para financiar a modernización e mellora das explotacións.

“Apostamos por gandarías produtivas e economicamente sustentables, pero tamén respectuosas co medio ambiente e adaptadas ás novas políticas europeas”, afirmou a conselleira. Neste sentido, destacou que estas achegas tamén favorecen a transición cara aos obxectivos ambientais da nova PAC, ao tempo que permiten financiar investimentos como a construción e reforma de inmobles ou a compra de maquinaria nova.

Entre 2016 e 2024, a Xunta aprobou máis de 9.000 expedientes de axudas, cun importe global superior aos 369 millóns de euros. Con estas iniciativas, o Goberno galego reafirma o seu compromiso co sector agrogandeiro, garantindo a súa competitividade e facilitando a remuda xeracional no rural.

0.22201085090637