A Xunta reafirma o seu apoio á III Concentración Moteira de Sarria, que será do 9 ao 11 de maio

A Xunta de Galicia renovou o seu respaldo á terceira edición da concentración moteira organizada polo club Sarria Bikers, que terá lugar do 9 ao 11 de maio e reunirá arredor de 400 afeccionados ao mundo das motos procedentes de distintos puntos da xeografía galega e estatal.
O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, participou na presentación do programa, que inclúe un variado abano de actividades durante os tres días: rutas moteiras, xogos, concertos e exhibicións.
Un dos momentos máis destacados será a actuación do especialista Acuko Stunt Rider, prevista para o sábado ás 18:30 horas no Campo da Ribela.
Esa mesma tarde, ás 20:00 horas, terá lugar unha emotiva ruta de fachos e bandeiras en homenaxe aos moteiros falecidos, un acto simbólico que xa se converteu nun referente desta cita anual.
Arias felicitou aos organizadores por consolidar esta iniciativa, que “non só atrae a un número crecente de participantes cada ano, senón que tamén impulsa a economía local e supón unha excelente oportunidade de promoción para Sarria”.
A concentración, que xa é unha referencia no calendario moteiro galego, promete un ambiente de confraternidade e paixón polas dúas rodas, contribuíndo á dinamización turística e comercial da vila.