A Xunta Rectora da residencia de maiores de Sarria solicitará informes sobre os contratos a detectives a Secretaría e Intervención

SarriaXa
17 Jan 2023

Na reunión celebrada pola Xunta Rectora da Residencia de Maiores Nosa Señora do Carme acordouse solicitar informes a Secretaría e Intervención sobre a contratación dos servizos da empresa de detectives InvestigaMás para investigar a traballadoras da residencia, por parte de Benjamín Escontrela, e sobre a falta de xustificación dos traballos realizados.

Así solicitaranse informes dos funcionarios habilitados nacionais e requeriráselle á empresa de detectives a entrega dos documentos elaborados sobre as traballadoras.

Esta solicitude foi aprobada polos concelleiros de Camiña Sarria e do BNG, mentres que PP, PSOE e Galicia Sempre abstivéronse na votación. Ademais, a proposta de Camiña Sarria e BNG, acordouse elevar ao Pleno da Corporación o resultado dos informes encargados a Secretaría e Intervención.

Reunión da Xunta Rectora

Durante a intervención do alcalde de Sarria e presidente da residencia, Claudio Garrido tildou de "moi grave" e "censurable" o feito de "destinar recursos públicos a investigar sen ningún motivo a algunhas traballadoras" e salientou que Benjamín Escontrela "segue sen aportar documentación acreditativa dos traballos realizados pola empresa InvestigaMás".

Tras unha pregunta da voceira do PSdeG-PSOE, o Garrido confirmou que os documentos acreditativos do cumprimento do contrato deben ser presentados por rexistro, non podendo ampararse na protección de datos de carácter persoal para non facelo.

Pola súa parte, Benjamín Escontrela xustificou a contratación do detective para "obter información e probas sobre condutas realizadas polos funcionarios e o persoal adscrito relacionadas cun  absentismo laboral moi elevado que ocasiona un prexuízo económico á residencia".

0.15596604347229