A Xunta rehabilita o pavimento da Avenida de Becerreá en Sarria

SarriaXa
As obras, que abranguen máis dun quilómetro da estrada LU-635, poderían rematar esta semana se o tempo o permite
Avenida-de-Becerreá-en-Sarria
29 Oct 2025

A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas iniciou os traballos de rehabilitación do pavimento na Avenida de Becerreá, en Sarria, coincidindo co trazado da estrada autonómica LU-635. O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, explicou que a intervención abrangue algo máis dun quilómetro, o que supón actuar en toda a lonxitude desta vía que enlaza coa LU-636 en Vilar de Sarria.

Arias desprazouse á localidade para comprobar o avance da obra, cun orzamento de 80.300 euros financiados con cargo ao contrato de conservación e mantemento das estradas da zona sur da provincia de Lugo. O proxecto céntrase na rehabilitación da capa de rodaxe mediante traballos de fresado e reposición do firme a carril completo. Segundo indicou o delegado, a actuación avanza a bo ritmo e, se as condicións meteorolóxicas o permiten, podería quedar finalizada ao longo desta semana.

O representante da Xunta destacou que o Goberno galego continúa mellorando as infraestruturas viarias de Sarria, lembrando que recentemente se investiron 435.300 euros no acondicionamento de 3,5 quilómetros da estrada LU-636 ao seu paso polo municipio, dende o inicio na rúa Diego Pazos ata o polígono do Morelle. Nesta vía estase completando a última fase, consistente no repintado das marcas viarias.

Así mesmo, a Consellería destinou 895.500 euros ao reforzo do firme e á mellora da seguridade nos oito quilómetros da LU-622, que discorre polos concellos de Sarria e Láncara. Estas actuacións nas vías LU-636 e LU-622 forman parte dun contrato adxudicado o pasado mes de xuño cun orzamento total de 2,3 millóns de euros, que tamén inclúe intervencións na LU-536 en Sarria e na LU-533 no Saviñao.

⚙ Configurar cookies
0.066222190856934