A Xunta rehabilitou a ponte da Áspera en Sarria con preto de 50.000 euros

A ponte da Áspera, situada no municipio de Sarria ao seu paso polo Camiño Francés, vén de ser rehabilitada nunha intervención impulsada pola Xunta de Galicia, que destinou preto de 50.000 euros para recuperar esta infraestrutura histórica e mellorar a súa contorna. A actuación centrouse na restauración da propia edificación e en diversas tarefas de conservación na área que rodea a ponte.
En concreto, realizáronse labores de limpeza e saneamento dos paramentos exteriores da ponte, así como da súa contorna. Ademais, reconstruíuse o firme e executáronse traballos de canalización para a drenaxe da zona, co obxectivo de garantir unha mellor conservación do espazo e facilitar o tránsito das persoas peregrinas que percorren esta ruta xacobea.
O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, subliñou que esta intervención forma parte da estratexia da Xunta para seguir preservando o patrimonio vinculado ao Camiño de Santiago. Segundo indicou, “trátase dunha actuación que se enmarca na aposta da Xunta de Galicia por seguir traballando na conservación e mantemento do Camiño de Santiago, actuando e mellorando o seu patrimonio”.
Merelles destacou tamén a relevancia de Sarria dentro da ruta xacobea. O municipio constitúe un dos puntos máis importantes do Camiño Francés, xa que o 68 % das 242.183 persoas que escolleron esta ruta en 2025 iniciaron o seu percorrido nesta localidade. Tendo en conta este volume de peregrinos, a Xunta continúa destinando recursos ao mantemento da infraestrutura do itinerario. Entre os anos 2015 e 2025 investíronse preto de 700.000 euros en tarefas de limpeza, roza e conservación do Camiño Francés ao seu paso por Sarria, dos que máis de 70.000 euros corresponden ao último ano.

PROGRAMA ULTREIA SUDOE
Tras esta visita, o director de Turismo de Galicia desprazouse ao albergue de peregrinos Casa Forte de Lusío, pertencente á rede pública de albergues do Xacobeo e situado en Samos, para clausurar unha reunión de coordinación dos socios do programa europeo Ultreia Sudoe, no que participa Turismo de Galicia.
Este grupo de traballo está integrado por entidades e institucións públicas e privadas vinculadas ao ámbito territorial do Camiño Francés, concretamente nas zonas de O Cebreiro, Triacastela e Samos. O obxectivo é trasladar ao territorio a estratexia transnacional definida neste programa europeo para impulsar a economía local, tomando o Camiño de Santiago como eixo principal de actividade.
No ámbito da dixitalización, o proxecto inclúe o desenvolvemento dunha base de datos con información local e a instalación de sensores para o reconto de peregrinos en diferentes puntos, entre eles Triacastela e Sarria. Cos datos recollidos durante 2025 puido comprobarse que por cada persoa que obtén a Compostela hai unha media de 1,65 camiñantes.
Ademais, dentro do proxecto Ultreia Sudoe, o municipio de Pedrafita do Cebreiro conta cun punto de información denominado ‘Parada no Camiño’, un espazo orientado á difusión e promoción territorial tanto para a poboación local como para as persoas visitantes. Este tipo de instalacións tamén están presentes noutras localidades como Belorado, en Castela e León; Liébana, en Cantabria; Vilapouca de Aguiar, en Portugal; e Eauze, na rexión francesa de Occitania.
No marco desta mesma iniciativa, un grupo de persoas con discapacidade, xunto con técnicos de Amica, da Fundación Camino Lebaniego e da Sociedade Anónima de Xestión do Plan Xacobeo, realizará a quinta análise sobre accesibilidade e inclusividade do proxecto Ultreia Sudoe na contorna de O Cebreiro, Samos e Triacastela.
A iniciativa Ultreia Sudoe promove a cooperación internacional entre España, Francia e Portugal co obxectivo de mellorar a xestión, a accesibilidade e a sustentabilidade das rutas xacobeas, cun especial foco no Camiño Francés. O programa conta cun orzamento global de 1,4 millóns de euros para o período comprendido entre 2024 e 2026.