A Xunta ultima as obras de mellora da estrada LU-636 ao seu paso por Sarria

A Xunta de Galicia está a rematar as obras de acondicionamento da estrada autonómica LU-636 ao seu paso por Sarria, no tramo comprendido entre o inicio da vía na rúa Diego Pazos (punto quilométrico 0+830) e o polígono do Morelle (punto 4+300).
O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, visitou a zona para comprobar o avance dos traballos, nos que a Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas investiu 435.300 euros.
A intervención supón a rehabilitación do firme nun total de 3,5 quilómetros, incluído o tramo urbano, mediante o fresado e a reposición do pavimento con formigón bituminoso en quente en toda a anchura da plataforma.
Ademais, repintáronse as marcas viarias en todo o treito, comezando pola travesía sarriana da rúa Diego Pazos.
Na zona urbana implantáronse tamén medidas de calmado do tráfico co obxectivo de mellorar a seguridade viaria. Entre elas destacan a execución dun lombo de asno redutor da velocidade na entrada á travesía e a instalación de dous pasos de peóns sobreelevados.
O delegado territorial lembrou que esta actuación forma parte dun contrato adxudicado o pasado mes de xuño, cun orzamento global de 2,3 millóns de euros, que inclúe tamén melloras nas vías LU-536 e LU-622 en Sarria, e na LU-533 no municipio do Saviñao.