A Xunta vén de aprobar o Plan Básico Municipal de Samos

A Xunta vén de aprobar, de forma inicial, o Plan Básico Municipal (PMB) de Samos para dotar o municipio lucense dun instrumento eficaz de ordenación do territorio.
A directora xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas, informou á alcaldesa de Samos, María Jesús López, da aprobación inicial deste Plan por resolución da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, que se trata dun instrumento urbanístico básico que permitirá ao municipio ofrecer capacidade de acollida residencial e económica.
No que se refire á tramitación, o documento someterase a información pública durante dous meses e solicitaranse todos os informes sectoriais preceptivos previos para a súa aprobación definitiva.
Na Consellería e no Concello trabállase nun cronograma de máxima coordinación e axilización que permita acadar a aprobación definitiva do PBM no próximo ano 2026. O Plan para este concello, que conta cunha poboación de 1.210 habitantes, clasifica un ámbito de solo urbano consolidado.
En canto a núcleos rurais, delimita 77 nun total de 24 parroquias, dos que 76 son tradicionais (18 deles de tipo polinuclear) e un combina partes tradicionais e comúns (polinuclear). Dentro destes 77 núcleos atópase o núcleo 1805-NRP Vigo do Real que resulta de declarar subsistente a delimitación física e a parcela mínima da Delimitación de solo de núcleo rural de Vigo do Real, na parroquia de Santiago de Renche, que conta con aprobación definitiva.
O documento recolle tamén todas as categorías de solo rústico resultantes da aplicación das lexislacións sectoriais con incidencia sobre Samos, tendo en conta as afeccións sectoriais delimitadas no PBA, e as consideracións establecidas nos informes e consultas sectoriais recibidos.
Así, categoriza terreos rústicos de especial protección agropecuaria, forestal, de augas, de infraestruturas, de espazos naturais, paisaxística e patrimonial. Ademais o Plan cataloga ata 383 elementos que se corresponden con Bens de Interese Cultural (8) ou Bens Catalogados a nivel arqueolóxico (86), arquitectónico (159), etnolóxico (128) e artístico (2).
Na actualidade, Samos é o 18º concello galego en obter a aprobación inicial do seu PBM.