A XV Feira de Artesanía e Produtos da Terra celebrará unha xornada chea de música, obradoiros e tradición

A XV Feira de Artesanía e Produtos da Terra do Incio arrancará o vindeiro 22 de agosto cunha ampla programación que combinará música, obradoiros, degustacións e actividades culturais ao longo de todo o día.
A xornada comezará ás 11.00 horas coa apertura de expositores e continuará ás 11.30 con obradoiros abertos de Artesanía de Galicia. Ás 12.00 terá lugar o corte de xamón de porco celta de Cárnicas Teijeiro para a súa degustación, seguido dun pasarrúas a cargo do grupo tradicional Érbedo e da proposta infantil A Furgoteca, con Títeres Alakrán, ambos a partir das 12.30 horas.
Logo da pausa para o xantar, prevista ás 14.00 horas, a actividade retomarase ás 16.00 cun obradoiro tradicional de Xotramu e novos obradoiros abertos de Artesanía de Galicia. Ás 17.30 será a quenda da charanga Louband, que animará a tarde ata o peche de expositores, previsto para as 20.00 horas.
A programación continuará pola noite con música. Ás 20.30 actuará Isco no guizo e ás 22.00 horas pechará a xornada o grupo Los Camachuelos.
A feira contará con propostas para todos os públicos, converténdose unha vez máis nun punto de encontro que une tradición, cultura popular e promoción dos produtos locais.