A XXII Volta Ciclista a Galicia percorrerá 455 quilómetros entre as provincias de Lugo, Ourense e Pontevedra

LugoXa | SarriaXa | OurenseXa
A edición deste ano consta de catro etapas nas que competirán 18 equipos, oito deles deles galegos
Presentación da Volta Ciclista de Galicia 2024
Presentación da Volta Ciclista a Galicia 2024
5 sep 2024

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, participou este xoves na presentación da XXII Volta Ciclista a Galicia. A proba percorrerá a próxima semana, do 12 ao 15 de setembro, case 455 quilómetros en catro etapas, polas provincias de Lugo, Ourense e Pontevedra. No evento lembrou que esta competición está consolidada xa no calendario nacional na categoría elite sub-23.

De feito, pese a que ata 2002 se celebrou de forma irregular, desde ese ano levouse a cabo de forma ininterrompida salvo a cancelación en 2020 debido á covid. En todos estes anos contou como vencedores con nomes ilustres como Julian Berrendero, Delio Rodríguez, Miguel Induráin, Andrew Hamspten ou Frank Vandenbroucke.

A edición deste ano consta de catro etapas nas que competirán 18 equipos, oito deles deles galegos. Trátase de Equipo Cortizo, Supermercados Froiz, Vigo Rías Baixas, High Level G. Tormo, Lasal Cociñas-Craega, Team Oiense Escuela Estévez, Retelec Ambilampe e Club Ciclista Vigués. A eles súmanse formacións doutras comunidades como Madrid, Navarra, Estremadura, Cantabria, Castela e León e Aragón, e mesmo doutros países como Colombia, Francia ou Portugal.

Nesta ocasión a Volta ten como sedes Sarria, en Lugo, onde comeza cunha contrarreloxo, e desde a que partirá tamén a etapa do día seguinte, así como Xinzo de Limia e Sanxenxo, puntos de saída das restantes probas. Entre as localidades que visitará nos percorridos das catro etapas figuran, ademais destes tres municipio, case unha trintena como O Páramo, Láncara, O Corgo, Lugo, Castroverde, Baralla, Samos, Xinzo de Limia, Trasmiras, Cualedro, Baltar, Calvos de Randín, Muíños, Bande, Porqueira, Sarreaus, Meaño, Ribadumia, Vilanova de Arousa, Vilagarcía de Arousa, Caldas de Reis, Portas, Meis e Poio.

O conselleiro de Deportes, incidiu no labor desenvolvido pola Federación Galega de Ciclismo para a organización dunha nova edición desta competición, así como o feito de aproveitar cada ano para conmemorar unha figura do ciclismo galego. Neste caso, o homenaxeado é Álex Marque, do que lembrou os éxitos que sumou entre 2004 e o 2022 no ciclismo profesional, motivo polo que ademais este ano recibiu unha das distincións ao Mérito Deportivo da Xunta.

Na súa intervención, Diego Calvo destacou o bo momento do ciclismo galego, con varias probas propias ao longo do ano que se suman a esta Volta, como o Gran Fóndo Ézaro ou O Gran Camiño e, xusto a semana pasada, catro etapas de La Vuelta, o que supón todo un récord. Cómpre destacar que nos últimos dez anos La Vuelta tivo como parada Galicia en máis dunha trintena de ocasións. Ademais, aproveitou para felicitar a Damián Ramos vén de acadar nos seus primeiros Xogos Paralímpicos medalla de bronce.

Para o conselleiro o esforzo de deportistas, clubs e federacións merece o máximo apoio e, neste sentido, o Goberno galego ademais de impulsar o desenvolvemento dos distintos eventos deportivos, colabora con esta modalidade deportiva a través de distintas liñas de axudas á Federación Galega de Ciclismo.
Por outra banda, puxo en valor a importancia do deporte na promoción turística de Galicia, e, no caso concreto da Volta ciclista a Galicia, para dar a coñecer as paisaxes e o patrimonio das localidades que percorre. Ademais, trátase -engadiu- dun revulsivo económico para os concellos polos que discorre a competición. Por iso, animou a afeccionados, veciñanza dos concellos polas que pasa a proba e visitantes a desfrutar da gran festa do ciclismo galego.

0.082255840301514