A XXIII edición do Premio Ramón Piñeiro Facer País reivindica a creación cultural galega en Láncara

SarriaXa
A Asociación Cultural Val de Láncara homenaxeará á actriz María Vázquez nunha xornada que reunirá voces do ámbito artístico e institucional
presentacion-Facer-Pais-2025
18 Nov 2025

A Asociación Cultural Val de Láncara presentou no Consello da Cultura Galega, en Santiago de Compostela, a XXIII edición do Premio Ramón Piñeiro Facer País, un recoñecemento que leva vinte e tres anos distinguindo persoas e iniciativas comprometidas coa identidade cultural galega. A organización animou á veciñanza e ás visitantes a participar nunha xornada que, nesta ocasión, terá como homenaxeada á actriz María Vázquez.

O programa desenvolverase o 29 de novembro en distintos espazos do concello de Láncara. Os actos iniciaranse ao mediodía na Casa do Concello da Pobra de San Xiao, onde a premiada asinará no Libro de Honra antes das intervencións institucionais a cargo de representantes municipais.

A continuación, ás 13:00 horas, a Ponte Romana de Carracedo converterase no escenario dunha intervención do escritor Xurxo Rodríguez, acompañada da música tradicional da Asociación Cultural Val de Láncara, que achegará o compoñente artístico da xornada. Media hora despois, na antiga Casa Consistorial de Carracedo, terá lugar o acto central, no que se fará entrega do galardón e intervirán Manuel Vázquez, Iolanda Díaz Gallego, a propia María Vázquez e Marta Horbán, ademais de realizarse unha ofrenda floral en memoria de Ramón Piñeiro.

O encontro culminará ás 14:30 horas cun xantar na antiga casa consistorial, para o que é necesario reservar previamente no número 691 17 56 50. A asociación subliñou que esta nova edición mantén o espírito que deu orixe ao premio: reivindicar a cultura galega e recoñecer aquelas persoas que contribúen a fortalecela desde múltiples ámbitos da creación e do pensamento.

⚙ Configurar cookies
0.065502882003784