A XXV Feira de Artesanía de Samos encheu de cultura e participación o corazón da vila

SarriaXa
O encontro, que reuniu preto de trinta expositores, consolidouse como unha das citas de referencia na comarca de Sarria
Feira-de-Artesanía-Samos-2025
11 Aug 2025

A vixésimo quinta edición da Feira de Artesanía de Samos pechou cun balance moi positivo, cunha alta afluencia de público e un ambiente festivo que converteu o centro da localidade nun escaparate de cultura popular e talento creativo.

Organizada pola Asociación de Comerciantes e Artesáns de Samos, coa colaboración do Concello e a Vicepresidencia da Deputación de Lugo, a feira reafirmou o seu papel como un dos eventos culturais e artesanais máis relevantes da comarca sarriá.

Nesta ocasión participaron preto de trinta expositores que presentaron unha variada oferta de pezas únicas elaboradas a man, dende cerámica e artigos de coiro ata téxtiles, obxectos de madeira e produtos gastronómicos tradicionais. Ao longo da xornada desenvolvéronse obradoiros demostrativos e actuacións de grupos de música tradicional, que encheron as rúas de sons e actividade.

A deputada do BNG no Parlamento galego, Montse Valcárcel, visitou a feira acompañada pola alcaldesa de Samos, Chus López, e pola deputada de Cultura da Deputación de Lugo, Iria Castro, ademais de militantes, representantes locais e veciñanza. Valcárcel destacou que este tipo de iniciativas son “ferramentas fundamentais para impulsar a economía e a vida social do rural” e puxo en valor o potencial de Samos non só pola súa paisaxe e patrimonio, senón tamén polo talento da súa xente e pola capacidade de promover proxectos colectivos como este.

A deputada nacionalista aproveitou a ocasión para reclamar políticas activas de apoio á artesanía galega, cunha aposta decidida por programas de formación, axudas directas e campañas institucionais que garantan o relevo xeracional nos oficios tradicionais. “Non podemos permitir que se perda o coñecemento transmitido durante xeracións. O feito a man, con materias primas propias e seguindo as nosas tradicións, debe ser recoñecido como merece”, afirmou.

Pola súa banda, a alcaldesa Chus López subliñou o orgullo que supón para o municipio contar cunha feira tan recoñecida e consolidada, que non só serve de escaparate á artesanía local, senón que tamén dinamiza o comercio e reforza o espírito de comunidade. A visita rematou cun percorrido polos postos, onde as representantes puideron conversar coas persoas artesás e coñecer de primeira man as súas demandas. Valcárcel pechou a xornada agradecendo o traballo de quen fai posible a feira, “porque con cada peza demostran que tradición, cultura e futuro poden ir da man cando hai compromiso coa terra”.

⚙ Configurar cookies
0.54413199424744