A XXVIII Feira de San Lázaro de Antigüidades e Restauración celebrarase os días 3 e 4 de maio

SarriaXa
Carmen Rodríguez, presidenta da Asociación de Anticuarios e Restauradores San Lázaro, espera que este ano a divulgación desta feira “chegue a todas partes"
rúa-Porvir-39-anticuarios-Sarria
7 Mar 2025

O Concello de Sarria xa ultima os detalles do programa da XXVIII Feira de San Lázaro de Antigüidades e Restauración, que terá lugar os vindeiros 3 e 4 de maio, coincidindo co Rally de Regularidad do Club Clásicos Sarria, a carreira Pretorian Race Sarria Extreme e o encontro de turismo do Eixo Atlántico Expocidades.

Así, durante eses dous días, a Rúa Porvir, onde se atopan os distintos anticuarios de Sarria, encherase de carpas con postos nos que as persoas xerentes de anticuarios de Sarria e doutros lugares exporán os seus obxectos e pezas de colección, así como haberá postos de artesanía.

Ademais de poder desfrutar de pezas irrepetibles, a Feira tamén acollerá diferentes actividades, como obradoiros e demostracións de bonsais, así como de cerámica, talla, costura creativa e bolillos en diferentes postos.

Como cada ano, tamén haberá actuacións musicais da man da Asociación Peleriños e a Asociación Meigas e Trasgos pola vila para amenizar a xornada; e, este ano, contarase con servizo de pulpería no propio campo para que as persoas que se acheguen poidan seguir facendo a ruta dos anticuarios pola tarde.

Carmen Rodríguez, presidenta da Asociación de Anticuarios e Restauradores San Lázaro, espera que este ano a divulgación desta feira “chegue a todas partes, porque todos os anos chega xente de moitas partes de Galicia e de fóra. É unha feira coñecida, pero é importante seguir dándolle pulo para que máis xente se una e desfrute deste evento, que se prepara con moito traballo e cariño”. Ademais, sostén que as persoas que veñan van atopar “de todo. Temos pezas de todo tipo, moi diversas, polo que incluso veñen de produtoras de televisión a buscar atrezzo para ambientar series e películas antigas, o que nos anima, xa que ver as túas pezas na televisión é moi emocionante”.

⚙ Configurar cookies
0.35950899124146