Aberta a licitación para a rehabilitación da antiga casa dos mestres de Paradela
O Concello de Paradela sacou a licitación para a restauración de dúas vivendas da zona por 135.523 euros. As vivendas situaranse na antiga vivenda dos mestres. Será a primeira planta desta edificación, que data de 1960 a que se renovará para outorgar a dúas familias con recursos económicos escasos unha vivenda de calidade
A obra suporá a restauración integral do edificio. Nel, renovarase a cuberta e as carpinterías exteriores, faranse traballos de rehabilitación da fachada, mellorarase o acceso á urbanización pola parte traseira. Ademais, tiraranse os tabiques actuais para poder realizar novas particións no interior da vivenda, instalarase a calefacción, amoblarase a cociña, o baño e acondicionaranse os armarios empotrados.
Desta forma, cada vivenda contará de aproximadamente 65 metros cadrados divididos en dúas habitacións, unha cociña, un salón comedor e un baño.
Para poder levar a cabo este traballo, o Instituto Galego de Vivenda e Solo dotou dunha subvención de 96.000 euros ao Concello de Paradela.
As empresas interesadas poderán realizar as súas ofertas a través da plataforma Silex da Consellería de Facenda ata o vindeiro 10 de febreiro. As obras terán un prazo de execución de 9 meses polo que deberán estar rematadas no mes de outubro.