Aberto o prazo de inscrición para o XVIII Tapicheo de Sarria, que se celebrará do 5 ao 8 de decembro

O Concello de Sarria abre o prazo de inscrición para participar na décimo oitava edición do Tapicheo, que se desenvolverá entre os días 5 e 8 de decembro. Os establecementos interesados poderán anotarse ata o luns 17 de novembro ás 14:00 horas.
Nesta nova edición, cada local deberá presentar unha única tapa distinta das que ofrece habitualmente, cun prezo que oscilará entre os dous e os tres euros, mantendo así o formato da pasada convocatoria.
A organización lembra a importancia de especificar o horario de servizo de tapas —cun mínimo de tres horas diarias—, xa que, no caso de non indicalo, aplicarase o horario estándar de 20:00 a 23:00 horas, como en edicións anteriores. Ademais, recoméndase sinalar se algún día permanecerán pechados durante o evento para facilitar o percorrido aos participantes.
As bases e o calendario da competición gastronómica acordáronse recentemente nunha reunión coa concelleira de Cultura, Geni Valcárcel, e manteñen o obxectivo de promover a hostalaría local e atraer visitantes a través da creatividade culinaria e o ambiente festivo que cada ano caracteriza o Tapicheo de Sarria.