Aberto o prazo para a Casa Niño Vivarachos de Triacastela

SarriaXa
Triacastela contará coa súa segunda Casa Niño co nome 'Vivarachos' a partir de setembro da man de Jennifer López
Casa Niño Entrepeques Triacastela
15 sep 2023

A segunda Casa Niño de Triacastela, que leva por nome Vivarachos, ten aberto o prazo de inscrición para o novo curso académico e estará aberto ata o día 25 de setembro.

Así, a Casa Niño instaloue nunha das aulas do CEIP Eduardo Cela Vila de Triacastela para ofrecer un servizo de conciliación familiar engadido ao que xa proporciona a actual Casa Niño coa que conta o Concello de Triacastela.

Como as demais Casa Niño, Vivarachos, que é o nome que caracterizará a esta nova instalación, contará con cinco prazas gratuítas para nenos e nenas de entre 0 e 3 anos empadroados no Concello de Triacastela, que poderán desfrutar do servizo de luns a venres durante todo o ano, salvo os festivos.

A directora, que fixo un estudo sobre a viabilidade do proxecto, defende que son moi importantes este tipo de iniciativas para fomentar que a xente poida seguir vivindo no rural.

Máis servizos de Triacastela

O Concello de Triacastela é un dos pioneiros en contar co maior número de Casas do Maior en proporción aos habitantes do municipio, xa que conta con tres: Xeroser, Escola de Vilar e Prado.

Grazas a estes lugares, os veciños reúnense para facer actividades de todo tipo para combater a soidade e exercitar as súas habilidades. Así, ao igual que as Casas Niño, as dos maiores contan con cinco prazas cada unha para persoas de máis de 60 anos.

Con todos estes recursos, Triacastela, a pesar de contar só con 629 habitantes, é un municipio que conta con servizos básicos para manter a súa poboación no rural.

0.19433116912842