Abraham Cupeiro presenta Loira, o seu novo disco, cunha xira por Galicia

O músico sarriao Abraham Cupeiro presenta o seu próximo traballo discográfico, titulado Loira, un álbum cheo de contrastes e emocións que combina temas eufóricos con pezas máis íntimas.
“Mentres escribo estas liñas, ela, Loira, está ao meu carón, como cando facía vídeos na corentena no sofá da miña casa. Quizais teña que ver que estea cega para que lle guste tanto a música. Ela é mestiza, coma este disco, que recolle temas dispares, cancións que gardaba nun caixón dende hai anos e que agora quero compartir con vós”, explica Cupeiro sobre a inspiración detrás do proxecto.
Abraham Cupeiro iniciará a súa xira de presentación de Loira o 3 de maio no Auditorio de Ourense, seguindo o 16 de maio no Auditorio Fuxan os Ventos de Lugo, o 24 de maio no Auditorio Pazo da Cultura de Pontevedra, o 25 de maio no Auditorio de Ferrol, o 6 de xullo no Teatro Colón da Coruña e finalizará o 20 de decembro no Teatro Afundación de Vigo.