Abraham Cupeiro protagonizará dous concertos en Castroverde como parte da súa xira de 2026

LugoXa | SarriaXa
O multiinstrumentista sarriao combina tradición, instrumentos históricos e música contemporánea nunha proposta única
Abraham-Cupeiro-Igrexa-Castroverde
24 Mar 2026

O multiinstrumentista de Sarria Abraham Cupeiro continúa a súa intensa xira de 2026 cun repertorio baixo o título 'Ao son de Santa María de Vilabade', que levará á igrexa de Castroverde, tamén coñecida como a Catedral de Castroverde.

Os concertos celebraranse este sábado 28 e domingo 29, e convidan a participar a todas as persoas interesadas. Estas citas especiais contarán cun quinteto de cordas clásico, coa participación de Laura LaMontagne o día 28, Fillas de Cassandra o día 29, e en ambos concertos o cantante norirlandés Mathew Ward. Entre os instrumentos destacados, Cupeiro utilizará a alboka, un instrumento ancestral vasco, aproveitando a sonoridade única da igrexa.

O músico destaca a singularidade do espazo e do repertorio: “Esta igrexa ten unha sonoridade especial e espero que sexa unha experiencia inesquecible, tanto polos acompañamentos das persoas e os instrumentos como pola propia acústica do lugar”.

Cupeiro agradece o apoio do público: “Unha vez máis, o único que podo dicir es grazas a toda a xente que se mobiliza, que vén aos meus concertos, que pagan unha entrada para verme, porque para min é a maior recompensa que podo ter, mostrar este patrimonio tan especial, sempre loitando cos meus recursos e sen ningún tipo de axuda pública”. E engade que para el o máis fermoso de Galicia é “este patrimonio rural que, ademais de ser arquitectónicamente incrible, está rodeado do máis importante que temos, a natureza”.

Ademais, con Sarria no pensamento, Cupeiro apunta que “non hai máis patria que a infancia. Sempre que poida irei a Sarria, aínda que a vila carece de certas infraestruturas para tocar; teremos que buscar un espazo para tocar para os veciños, porque sempre digo que é a praza máis difícil, pero tamén a máis emocional para min”.

A XIRA DE ABRAHAM CUPEIRO

A xira continuará en abril con actuacións internacionais do proxecto Pangea en Portugal (os días 11 e 12 de abril), e cos concertos de despedida de Loira, o traballo discográfico máis persoal de Cupeiro, que chegará a Ponferrada o 18 de abril e a Madrid o 19, despois de encher auditorios nas sete principais cidades galegas. A xira 2026 combina grandes producións senfónicas, estreas en formato íntimo e actuacións internacionais, consolidando un proxecto artístico que segue esgotando entradas e ampliando públicos e escenarios.

A pesar da falta de apoio das administracións desde o inicio da súa carreira, Cupeiro construíu un estilo propio baseado na recuperación e construción de instrumentos históricos, dialogando tradición ancestral, creación contemporánea e experimentación sonora. Especialista en instrumentos históricos, é un dos maiores expertos mundiais en karnyx, a trompeta celta da Idade de Ferro, e un dos principais impulsores da corna galega.

A súa traxectoria é igualmente diversa: participou en proxectos de folk, jazz, música antiga e experimental, colaborando con orquestras internacionais como a Orquestra Sinfónica de Galicia (OSG), a Real Filharmonía de Galicia (RFG), a Mahler Chamber Orchestra ou a Royal Philharmonic Orchestra. Ademais, desenvolve unha intensa actividade como compositor de bandas sonoras, colaborando en proxectos vinculados a figuras como Steven Spielberg, Hans Zimmer ou Harry Gregson-Williams, e participando en iniciativas transversais que conectan música, ciencia e moda, como o proxecto de divulgación científica Neuston 3 ou performances para desfiles de Adolfo Domínguez.

0.11378383636475