Abraham Cupeiro publica hoxe o documental Resoando no Camiño Francés
Dende o día de hoxe, 14 de outubro ás 22 horas, o documental Resoando no Camiño Francés sobre os seis concertos de Abraham Cupeiro estará dispoñible na canle de YouTube do artista. Desta maneira, todas aquelas persoas que non puideron ir á presentación do documental realizada en Sarria o pasado día 8, poderán visualizar o audiovisual dende a plataforma web.
O documental mostra os seis concertos celebrados no verán por diferentes enclaves do Camiño de Santiago, entre os que se atopa Triacastela, Palas de Rei, Monterroso, Melide, Arzúa e Sarria, nos que empregou instrumentos da antigüidade e creou sons únicos, que transportaron aos espectadores a unha viaxe pola historia a través da música en enclaves únicos do patrimonio galego.
Así pois, Cupeiro informa que media hora antes da publicación, realizará un directo e, despois do documental, farase algo de tertulia pola mesma canle.