Abre a votación para escoller a palabra do ano

RibeiraSacraXa | TerraChaXa | LugoXa | SarriaXa | AMariñaXa
A Real Academia Galega e a Fundación Barrié abren hoxe a fase de votación telemática na que se decidirá cal é a Palabra do Ano 2021.
palabra do ano
15 Dec 2021

As voces ‘coada’, ‘gromo’, ‘resiliencia’, ‘tanxugueiras’ e ‘vacinódromo’ optan a se converter na Palabra do Ano 2021. A Real Academia Galega e a Fundación Barrié manteñen aberta a votación telemática popular, a través do Portal das Palabras, ata as 23:59 horas do sábado 25 de decembro.

A Real Academia Galega e a Fundación Barrié abren hoxe a fase de votación telemática na que se decidirá cal é a Palabra do Ano 2021. Tras a recollida de suxestións, as palabras finalistas son as cinco seguintes: coada, gromo, resiliencia, tanxugueiras e vacinódromo. As persoas que desexen participar na elección popular poderán facelo ata as 23:59 horas do sábado 25 de decembro a través do Portal das Palabras, o proxecto que impulsan as dúas institución para a difusión do léxico galego.

A Palabra do Ano trata de identificar aquilo que resuma como se viviron colectivamente os últimos doce meses ou algún aspecto que sobresaíse, para ben ou para mal, na actualidade máis próxima ou global, en ocasións a través de neoloxismos e noutras a través de voces presentes na lingua dende hai moito tempo. É o caso das cinco voces finalistas, que fan referencia, un ano máis, á pandemia da covid-19, pero tamén á actividade do volcán de La Palma ou ao auxe da música tradicional galega. Este último é o caso do vocábulo tanxugueira, que non figura no Dicionario porque é en realidade un topónimo que fai referencia a un lugar con moitos teixugos. Pero hoxe esta palabra simboliza, a través do plural tanxugueiras que lle dá nome á banda de Olaia Maneiro, Aida Tarrío e Sabela Maneiro, o éxito da revolución que está a vivir a música tradicional galega nesta segunda década do século XXI a través de novos vieiros.

As palabras da pandemia volven aparecer irremediablemente, como hai doce meses, entre as candidatas a se converter na Palabra do Ano, desta volta con novidades léxicas que dan conta do enxeño das persoas que terman da fala. É o caso do neoloxismo popular vacinódromo, unha voz que non figura no Dicionario pero que todo o mundo entende, formada a partir da palabra vacina e o sufixo -dromo, “lugar onde se fan carreiras”. Gromo, na acepción referida á aparición súbita dunha enfermidade epidémica entre a poboación dun determinado lugar, repite por segundo ano entre as finalistas, e resiliencia, a capacidade dos seres humanos para se adaptaren positivamente ás situacións adversas, tamén figura entre as candidatas, con seguridade froito duns tempos pandémicos que obrigaron a todo o mundo a armarse dela.

A entrada en erupción do volcán de La Palma o pasado mes de setembro tamén deixa pegada na elección da Palabra do Ano. Dende entón, son moitas as palabras propias do mundo da xeoloxía que adquiriron un uso cotián nos medios de comunicación e na rúa. Unha delas é coada que, alén de referirse á operación de lavar a roupa, nomea o manto de lava en estado líquido emitida por un volcán durante as erupcións.

A Palabra do Ano elixida polas persoas participantes na votación popular darase a coñecer nos últimos días do 2021 a través do Portal das Palabras, o proxecto da RAG e a Fundación Barrié para a modernización do traballo lexicográfico e a divulgación da nosa lingua. Cada semana ofrece xogos, vídeos nos que os membros da Academia resolven dúbidas frecuentes e outros contidos divulgativos que conectan o léxico galego coa realidade cotiá e a actualidade dun xeito ameno. A palabra do día é outra das seccións deste espazo aberto ao diálogo coas persoas usuarias.

Dende 2014 o Portal das Palabras convida ademais a todas as persoas que o desexen a participar na escolla da Palabra do Ano. Nas edicións anteriores foron elixidas nós (2020), sentidiño (2019) deseucaliptización (2018), afouteza (2017), irmandade (2016) —coincidindo co centenario das Irmandades da Fala—, refuxiado, -a (2015) e corrupción (2014).

0.14839506149292