Abre en Sarria a exposición sobre Xela Arias
Este martes presentouse no Pazo de San Marcos Xela Arias. A poesía do retrato, un proxecto expositivo que presenta textos poéticos da autora homenaxeada nas Letras Galegas 2021 xunto aos retratos realizados polo fotógrafo Xulio Gil entre 1988 e 2001.
A mostra, que se complementa cun libro catálogo, está concebida para espazos exteriores e cun formato adaptado á itinerancia, inaugurarase o vindeiro 1 de maio en Sarria e exporase despois en Lugo, Chantada, Monforte, Viveiro e Ribadeo.
A exposición consta de 20 imaxes en branco e negro que dialogan con cadanseu texto poético, dando lugar a unha potente interacción entre a fotografía e poesía. A colección de imaxes, que se amplía ata as 53 no catálogo que acompaña a mostra, retratan a poeta posando con determinación e sen artificios ante o obxectivo de Xulio Gil, no seu período vital dos 26 aos 40 anos. Son imaxes cargadas de poesía, onde a mirada penetrante de Xela Arias observa de fronte e con honestidade.
Os retratos recollen a vontade creativa e os pactos estéticos do fotógrafo e da poeta, que non só se amosa como modelo, tamén como creadora, tal e como explicou na presentación da mostra Xulio Gil. “Hai moi poucas fotografías que sexan roubada, que sexan do doméstico, en xeral, son fotografías recollen posturas ou posados nos que ela controla a imaxe que quere transmitir”, sinalou o fotógrafo, quen aludiu ao proxecto poético Tigres coma cabalos, como o precedente da relación artística entre ambos.
Os textos poéticos que acompañan as imaxes corresponden a fragmentos da poesía dispersa de Xela Arias, versos publicados en xornais, revistas e fanzines recollidos por María Xesús Nogueira en Poesía reunida (1982-2004). Xela Arias.
Xulio Gil abondou na vinculación de Xela Arias con Lugo “fíxose poeta e adulta en Vigo, pero era de Lugo, tiña corenta anos e era de Lugo, porque era a antropoloxía que tiña na casa, co seu pai Valentín e coa súa nai Amparo. Estou seguro de que sería para ela un orgullo que a súa poesía e a súa imaxe estiveran por todo Lugo”, sinalou.
Formato e itinerancia
A instalación das fotografías e dos poemas preséntanse impresas en panel metálico de aluminio de 3 mm. encadradas sobre 10 macromarcos de aceiro galvanizado sobre peana de formigón.
A exposición comezará o seu percorrido pola provincia de Lugo o 1 de maio en Sarria, localidade natal da autora, e estará instalada en paneis distribuídos polo centro urbano da vila ata o 20 de maio.
A mostra poderá verse despois en Lugo, do 21 de maio ao 21 de xuño; en Chantada, do 22 e xuño ao 8 de xullo; en Monforte, do 9 de xullo ao 2 de agosto; en Viveiro, do 3 ao 26 de agosto; e en Ribadeo, do 27 de agosto ao 27 de setembro.
Mañá, nova entrega de “Outras voces para as letras de Xela”
Á espera da inauguración da mostra, continúa coa difusión da serie audiovisual Outras voces para as letras de Xela, con quince pezas audiovisuais nas que a obra da poeta pasa pola voz, performance e reflexións biográficas de escritores e escritoras, artistas, familiares e persoas anónimas.
Tras a estrea o martes do primeiro episodio, coa participación do seu irmán Lois Arias, este xoves ás 20.30 horas, difundirase a segunda entrega, coa intervención da poeta Olga Novo, ás 20.30 horas nas redes sociais.