Abre o prazo extraordinario de matrícula na Escola Municipal de Música para o curso 2025/2026

O Concello de Sarria abre o prazo extraordinario de matrícula na Escola Municipal de Música para o curso 2025/2026, co obxectivo de cubrir as prazas que quedaron vacantes tras o período ordinario de inscrición.
As bases reguladoras e toda a información relacionada con este proceso estarán dispoñibles na sede electrónica do Concello, na páxina web e nas instalacións da propia Escola Municipal de Música.
As especialidades ofertadas nesta convocatoria extraordinaria inclúen dez prazas para guitarra, unha praza para clarinete ou saxofón, dúas prazas para piano e catro para gaita, trombón, tuba ou bombardino. Ademais, nas áreas de linguaxe musical, música e movemento e estimulación musical, a dispoñibilidade dependerá da formación de grupos.
As persoas interesadas poderán presentar a súa solicitude durante tres días hábiles, desde o venres 10 de outubro ata o martes 14 de outubro. As inscricións poderán realizarse de forma presencial no Rexistro Xeral do Concello de Sarria, situado na Rúa Maior, 14, en horario de 9:00 a 14:00 horas, ou ben de maneira telemática a través da sede electrónica municipal.