Abre o prazo para o concurso contra a violencia de xénero que organiza a Xunta para colexios

RibeiraSacraXa | TerraChaXa | LugoXa | SarriaXa | AMariñaXa
A Xunta de Galicia convoca unha edición máis ao alumnado galego de centros de ensino para participar no concurso de imaxes gráficas e pezas audiovisuais sobre o 25 de novembro, Día internacional contra a violencia de xénero.
violencia de xenero
22 Oct 2023

A Xunta de Galicia convoca unha edición máis ao alumnado galego de centros de ensino para participar no concurso de imaxes gráficas e pezas audiovisuais sobre o 25 de novembro, Día internacional contra a violencia de xénero. As bases do certame, co que se pretende enviar unha mensaxe rotunda do non á violencia de xénero e contribuír a que se faga unha reflexión ao respecto, poden consultarse neste enlace.

O concurso está aberto aos estudantes do ensino de centros galegos que imparten Educación Primaria, Secundaria, Educación Especial, Bacharelato, Formación Profesional e Ensinanzas de Artes Plásticas e Deseño. Todos eles poden presentar os seus traballos ata o próximo 8 de novembro, ás 15.00 horas.

Os deseños poden presentarse de xeito individual ou en equipos constituídos por un docente e un máximo de 8 persoas, procurándose a representación equilibrada de alumnos ou alumnas. Priorizarase que a elaboración das imaxes gráficas e pezas audiovisuais formen parte dun traballo global, que integre a sensibilización e a valoración crítica da resposta colectiva ante a violencia de xénero.

A organización establece tres categorías de participación. A primeira é a representada polo alumnado de 5º e 6º de Educación Primaria, 1º e 2º de ESO e de Educación Especial. A segunda recibirá os traballos que presenten estudantes de 3º e 4º de ESO, de 1º e 2º de Bacharelato, e de FP básica, de grao medio e de ciclos de grao superior. Resérvase a 3º categoría aos rapaces e rapazas que cursan Ensinanzas Especiais de Artes Plásticas e Deseño.

A Xunta admitirá traballos que consistan no deseño dunha imaxe gráfica ou pezas audiovisuais. No primeiro caso, deberá presentarse un traballo eminentemente gráfico, cartel, cómic, ilustración, debuxo, etc. Na modalidade audiovisual, admitiranse curtas, videoclips, performances, flashmob, danza, videopoemas, textos recitados...

Cada centro só poderá presentar un traballo en cada unha das categorías e modalidade de participación que deberá incluír a frase 25 de novembro. Día Internacional contra a violencia de xénero así como un lema en galego relacionado coa temática.

A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade convida aos centros a realizar as súas propostas que inclúan mensaxes claras e rotundas que permitan facer unha reflexión sobre a violencia de xénero. A través das mesmas, deberá poñerse o foco na prevención, na detección precoz e na intervención contra esta lacra. O obxectivo non é outro que o de contribuír a amplificar o non á violencia de xénero, facéndoo chegar a todas partes.

O xurado, que estará configurado por representantes da Secretaría Xeral da Igualdade, da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades e da Comisión Asesora de Publicidade non Sexista terá en conta na súa valoración a transmisión dunha mensaxe clara de rexeitamento fronte á violencia de xénero e a adecuación desta aos obxectivos que se promoven de prevención, detección precoz e intervención fronte á lacra. Tamén atenderán á calidade técnica, orixinalidade e creatividade das iniciativas e mesmo á participación activa do alumnado.

A Xunta concederá dous premios por cada categoría e modalidade. Consistirán nun cheque regalo para investir no comercio local para cada unha das persoas integrantes do equipo gañador valorado en 100 e 50 euros, respectivamente para o primeiro e o segundo postos, así como un lote de libros para o centro representado.

Os traballos que resulten gañadores poderán ser utilizados pola Xunta de Galicia na conmemoración do 25-N, ou en calquera outra acción de sensibilización contra esta lacra.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.15175604820251