Abre un novo prazo de axudas para a comercialización de produtos agrarios

TerraChaXa | RibeiraSacraXa | LugoXa | SarriaXa | AMariñaXa
O DOG publica a orde pola que se convocan as axudas para os investimentos en transformación e comercialización de produtos agrarios.
mercado comida alimentacion alimentos
2 Feb 2023

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou a orde da Consellería do Medio Rural pola que se convocan este ano un total de 30 millóns de euros en axudas para os investimentos en transformación e comercialización de produtos agrarios. Estas achegas están cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader).

Así, a orde busca incentivar os investimentos en activos fixos materiais para a creación, ampliación e modernización das instalacións situadas en Galicia destinadas á transformación e comercialización de produtos agrarios. No caso das subvencións, consistirán en axudas para a execución deses proxectos, mentres as garantías para préstamos consistirán en garantías do 80% do risco inherente a cada empréstito formalizado destinado a financiar os investimentos.

Estas axudas teñen carácter plurianual para facilitar a execución dos proxectos de maior investimento. Dos 30 millóns de euros de presuposto total, para o exercicio do 2023 están consignados 12 millóns de euros, para o 2024 a cantidade reservada é de 14 millóns e para o 2025 a contía ascende aos 4 millóns de euros.

O prazo de presentación de solicitudes para subvencións desta convocatoria será dun mes contado a partir de mañá, día seguinte ao da publicación desta orde no DOG. Mentres, o prazo para solicitar préstamos garantidos finalizará o 30 de marzo deste ano. Porén, os solicitantes terán un prazo de tres meses para presentar a preceptiva licenza de obras no caso de que o investimento inclúa a construción de novas superficies cubertas ou a ampliación das existentes, así como para a presentación do informe favorable de avaliación ambiental.

Posibles beneficiarios

Poden optar a estas achegas os empresarios individuais ou sociedades que realicen actuacións como a construción, adquisición e mellora de bens inmobles, así como a compra de terreos ata un valor inferior ao 10% do total dos gastos subvencionables. Tamén se sufragará a compra de maquinaria e equipamentos novos, a adquisición de programas informáticos e de patentes ou licenzas relacionadas cos procesos produtivos. O fin último é crear novas industrias agroalimentarias ou mellorar as xa existentes.

Do mesmo xeito que na pasada convocatoria, apoiaranse as asociacións de produtores que se unan para levar a cabo investimentos en común. Así, concederáselles a máxima puntuación no apartado de beneficio a produtores dos criterios de valoración ás cooperativas agrarias galegas ou ás sociedades participadas maioritariamente (máis do 50%) por cooperativas agrarias galegas ou por asociacións e organizacións de produtores da nosa comunidade.

Enlace á orde no DOG

0.17923188209534