Ábrese o prazo de inscrición para participar no DHU Vila de Sarria 2025

SarriaXa
A duodécima edición do descenso urbano celebrarase os días 25 e 26 de xullo, con probas para todas as idades e unha gran programación cultural
DHU-Vila-de-Sarria-2
11 Jul 2025

O prazo de inscrición da XII edición do DHU Vila de Sarria, que terá lugar os días 25 e 26 de xullo, xa está aberto e dará a posbilidade de participar nun dos descensos urbanos máis impactantes de todo o Estado, que volverá converter as rúas da vila nun circuíto cheo de velocidade, técnica e pura adrenalina.

Como vén sendo habitual, a cita non será só deportiva, senón que virá acompañada dunha completa programación para todos os públicos. O 25 de xullo, coincidindo co Día de Galicia, a xornada será totalmente gratuíta e estará pensada para festexar o deporte e a cultura en familia. A partir das 19:00 horas, no cruzamento da Avenida, o público poderá gozar do concerto de Saha & Ryu, que presentarán o seu traballo 'Xardín das Fadas'.

Os máis pequenos terán unha cita co humor e a acrobacia da man de 'Piensa en Wilbur', un espectáculo familiar que promete gargalladas, sorpresa e moita imaxinación. Ese mesmo día celebrarase tamén o Mini DHU Vila de Sarria, que tamén ten o seu prazo de inscrición aberto, e onde os nenos e nenas poderán vivir a emoción do downhill adaptado á súa idade e protagonizar o seu propio descenso urbano.

Xa pola noite, a música volverá tomar o protagonismo co concerto de Green Covers, unha banda que animará a vila cun repertorio de versións de grandes éxitos internacionais de grupos como Coldplay ou Muse, entre outros. E como gran fin de festa, celebrarase o guateque 'Yo lataba en EGB', unha sesión a cargo dos DJs Frisco e Marcos Peón, que fará viaxar ao público ás décadas douradas da música pop e rock, entre recordos e temas inmortais.

A xornada do 26 estará reservada para a competición absoluta do DHU Vila, coa participación dos mellores riders nacionais e internacionais nun percorrido urbano que combina dificultade, espectáculo e emoción en cada metro. Sarria volverá converterse nun referente para os amantes do downhill urbano, mesturando deporte, festa e cultura nun evento único.

⚙ Configurar cookies
0.081598997116089