ACES Sarria lanza a campaña 'Eu merco en Sarria, e ti?' con agasallos por compras superiores a 40 euros

SarriaXa
A iniciativa desenvolverase do 9 ao 30 de setembro e repartirá mil paraugas promocionais entre os clientes que presenten os seus tickets nos puntos de recollida
eu-merco-en-Sarria-ACES
10 Sep 2025

O Centro Comercial Urbano de Sarria (ACES) pon en marcha unha nova campaña de dinamización baixo o lema “Eu merco en Sarria, e ti?”, que se desenvolverá do 9 ao 30 de setembro deste ano e na que participan todos os establecementos asociados.

A iniciativa premiará as compras superiores a 40 euros realizadas nos comercios adheridos cun agasallo directo: un dos mil paraugas serigrafados cos logotipos da Xunta de Galicia e do CCU de Sarria.

Os clientes deberán presentar os tickets, nos que será preciso anotar nome, apelidos e DNI para a súa validación, nos comercios designados como puntos de recollida ou nas oficinas da asociación.

Os agasallos poderán recollerse en establecementos como Cris Abad, Dimar Moda, Moncho Moda, Senayo e Ultreia, ademais das oficinas de ACES, situadas na rúa Liberdade 91-93 entresollado F, de luns a xoves en horario de 15:00 a 18:00 horas.

A campaña inclúe tamén a distribución de carteis informativos que identificarán os locais participantes e lembrarán aos clientes a posibilidade de conseguir un obsequio coa súa compra, co obxectivo de fomentar o comercio de proximidade e incentivar o consumo nos negocios locais de Sarria.

⚙ Configurar cookies
0.16057300567627