Acometeranse obras para incluír sendas peonais nas estradas LU-636, LU-621 e LU-633
A estrada LU-636, que conecta a localidade de Sarria co polígono industrial de O Morelle, contará cunha senda peonil de 1.410 metros, que será levada a cabo pola Xunta no marco dun plan autonómico de infraestruturas que busca mellorar a mobilidade peonil na comarca.
Concretamente, a senda estará situada entre os puntos quilométricos 2,590 e 4,000 da estrada LU-636, facilitando a conexión entre Vigo de Sarria e O Morelle.
Ademais, o proxecto, aprobado pola Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas da Xunta de Galicia, tamén contempla a creación de sendas peonís noutros puntos da comarca, como en Láncara e Triacastela.
Por outra banda, en Láncara, concretamente na LU-621, no tramo que une A Pobra de San Xiao con Láncara, instalarase unha zona peonil cun percorrido de 350 metros, que permitirá prolongar a senda existente desde A Pobra de San Xiao ata a urbanización de Valdriz.
O terceiro proxecto na comarca levarase a cabo en Triacastela, na estrada LU-633, que conecta Sarria con Pedrafita do Cebreiro. A senda terá unha extensión de 320 metros e discorrerá entre os puntos quilométricos 27,510 e 27,830, mellorando así a accesibilidade na zona urbana de Triacastela.
Desde a Consellería de Vivenda destacaron que estas actuacións permitirán dar continuidade a outras sendas xa executadas en anos anteriores e que se consideran "prioritarias" para o seu desenvolvemento a curto prazo.