Acometido o formigonado da ponte de Valdriz en Láncara
A Consellería de Infraestruturas e Vivenda acomete hoxe o formigonado do taboleiro da nova ponte de Valdriz, en Láncara, no marco das obras de construción duna senda peonil e ciclista na estrada autonómica LU-621.
Os traballos licitáronse por un importe de preto de 730.000 euros. Explicouse que a ampliación da ponte, que pasa dos 6 metros de ancho aos 10,5, é a actuación máis complexa do proxecto, que contempla tamén a execución dunha rotonda para mellorar o tráfico no entorno da urbanización de Valdriz, ademais da senda de preto de medio quilómetro (460 metros) que discorrerá pola marxe esquerda entre este punto e o inicio das beirarrúas da Pobra de San Xiao.
Para acometer estas obras foi preciso proceder antes aos traballos de retranqueo e soterramento da liña de evacuación da hidroeléctrica de Valdriz, o que significou un gasto adicional de 103.200 euros. Posteriormente realizáronse os movementos de terras con microvoaduras controladas en todo o trazado.
No que respecta á ponte, rectificouse a entrada para mellorar a seguridade, construíuse un muro de escollera e instaláronse 513 metros cadrados de prelosa, armadura e ferro sobre as que se estenderá o formigón armado.
A maior parte da superficie quedará lista hoxe; restará unha franxa de dous metros a rematar nuns días, cando este formigonado adquira resistencia.
Esta actuación constrúe itinerarios seguros, sostibles e integrados na paisaxe, para reforzar a seguridade dos usuarios das estradas e promover unha mobilidade máis saudable e sustentable, favorecendo modos de desprazamento menos contaminantes e alternativos á utilización do vehículo particular.