Acruga logra unha destacada poxa en Sarria con xovencas preñadas que superan os prezos de saída

LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa
Os exemplares procedían do centro de recría da granxa Gayoso Castro, dependente da Deputación de Lugo
Feira-San-Isidro-2025-Sarria
12 May 2025

A Asociación de Criadores de Raza Rubia Galega, Acruga, obtivo bos resultados na poxa celebrada durante a Feira de San Isidro de Sarria, na que se adxudicaron as tres xovencas preñadas por prezos bastante superiores aos de saída.

Os animais presentáronse no recinto de poxas cun prezo inicial de 2.300 euros e acadaron, tras as tres roldas de licitación, os 2.700, 2.600 e 3.200 euros, o que permitiu pechar esta subasta cun prezo medio de 2.833 euros.

Os exemplares procedían do centro de recría da granxa Gayoso Castro, dependente da Deputación de Lugo. Tiñan idades comprendidas entre os 21 e os 22 meses, estaban preñadas de aproximadamente tres meses e contaban con destacadas liñas xenéticas, como reflicten as súas cartas, nas que figuran touros como Gayoso AG, Xeitoso AG, Marelo ou Alférez.

A contrastada calidade destes exemplares permitiu acadar unha boa participación, cun público numeroso e unha importante presenza de posibles compradores, xa que se retiraron ata 22 tarxetas.

Estes resultados súmanse aos acadados o día anterior por Acruga na Feira en Defensa do Gandeiro da Montaña, celebrada en San Román de Cervantes, onde tamén se puxeron a poxa tres xovencas preñadas e se acadou un prezo medio de 2.900 euros.

⚙ Configurar cookies
0.14928197860718