Activan o protocolo de coordinación ante nevadas en Lugo para garantir a seguridade viaria no inverno

LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa
A subdelegada Olimpia López presentou en Pedrafita do Cebreiro o plan 2025-2026, que mobiliza 45 vehículos e máis de 9.000 toneladas de sal en toda a provincia
Protocolo-de-coordinación-de-actuacións-ante-nevadas-Pedrafita
14 Nov 2025

A subdelegada do Goberno en Lugo, Olimpia López, presentou en Pedrafita do Cebreiro o Protocolo de coordinación de actuacións ante nevadas e condicións meteorolóxicas adversas na rede de estradas do Estado correspondente á campaña 2025-2026.

O acto, celebrado no Centro de Control de Túneles da Autovía do Noroeste, contou coa presenza do xefe provincial de Tráfico, Alberto Rodríguez Fernández; o coronel xefe da Comandancia da Garda Civil, Luis Germán Avilés Cabrera; o capitán xefe do Subsector de Tráfico da Garda Civil en Lugo, Samuel Lago Costas; o xefe da Unidade de Estradas, Adolfo Fidel Güell Cancela; o xefe da Unidade de Protección Civil, Juan Yáñez Pérez; e o alcalde de Pedrafita do Cebreiro, José Luis Raposo Magdalena.

O documento establece os procedementos e medidas de coordinación necesarios para garantir a mobilidade e a seguridade viaria durante o inverno nas vías de titularidade estatal que atravesan a provincia. López destacou que o Ministerio de Transportes “mantén un compromiso firme coa seguridade dos condutores e condutoras, especialmente nas zonas de montaña onde as condicións son máis extremas”, e subliñou que “o operativo do Goberno garante unha resposta rápida e eficaz ante calquera incidencia por neve ou xeo”.

Na provincia de Lugo, un total de 993,09 quilómetros de estradas da rede estatal deben manterse operativos durante a campaña invernal, dos cales 153,23 km están catalogados como potencialmente conflitivos polas súas condicións orográficas e climatolóxicas. O protocolo define tres fases de actuación —alerta, preemerxencia e emerxencia— e establece os mecanismos de coordinación entre os servizos de Tráfico, Estradas, Protección Civil e Garda Civil, ademais da colaboración cos concellos e outras administracións. O obxectivo principal é garantir a seguridade, evitar o illamento de poboacións e asegurar a continuidade dos servizos esenciais.

O operativo de vialidade invernal en Lugo conta con 45 vehículos —29 camións con saleiro automático e folla quitaneves e 16 con esparexedor de salmoira—, ademais dun almacenamento total de 9.250 toneladas de sal e 2.502.000 litros de salmoira. Os medios distribúense entre cinco sectores de conservación, con especial atención ao de Pedrafita do Cebreiro, o máis exposto ás baixas temperaturas. Este punto dispón de 10 camións con saleiro e folla, 5 con esparexedor de salmoira, 4.000 toneladas de sal e 752.000 litros de reserva.

O sector de Lugo conta con 13 vehículos e capacidade para 2.000 toneladas de sal e 1.100.000 litros de salmoira, mentres que en Vilalba operan 9 camións e se almacenan 1.300 toneladas de sal e 650.000 litros de salmoira. En Monforte de Lemos, o dispositivo complétase con 2 camións e 900 toneladas de sal, o que garante cobertura en toda a rede viaria estatal da provincia.

O protocolo tamén inclúe un sistema de vixilancia e comunicación permanente entre os distintos servizos, que permite actuar de forma preventiva e coordinar as tarefas de retirada de neve, extensión de sal e asistencia ao tráfico cando as condicións meteorolóxicas o requiren. A subdelegada destacou “o esforzo e compromiso de todos os profesionais implicados neste dispositivo, que cada inverno fan posible que as estradas da provincia sigan sendo seguras e transitables para miles de persoas usuarias”.

⚙ Configurar cookies
0.068597078323364