Actividades de astronomía no concello de Sarria o luns na Casa da Cultura
O vindeiro luns 29 de agosto ás 21.30 horas na Casa da Cultura de Sarria, teremos a oportunidade de contemplar a vía láctea grazas a unha iniciativa do programa A Vía Láctea e Outros Motivos Xacobeos do Camiño.
Para participar na actividade, hai que inscribirse previamente na Biblioteca Pública Municipal Camilo Gonsar, persoalmente ou por teléfono.
Ás 21.30 horas terá lugar unha charla no salón de actos e posteriormente, ás 22.15 horas a observación no xardín para a que se apagará a iluminación pública dende as 22.00 horas en toda a zona da Casa da Cultura.
Ao igual que xa aconteceu en anos anteriores con múltiples sesións astronómicas para todos os públicos, esta iniciativa está organizada polo Observatorio Astronómico Ramón María Aller (Oarma) da Universidade de Santiago de Compostela.
Expertos do Oarma serán os que leven a cabo estas observacións a simple vista de recoñecemento de constelacións, identificación do chamado triángulo de verán, e mesmo da Vía Láctea, e tamén observacións con telescopios de planetas, estrelas dobres, nebulosas ou cúmulos estelares. Todo elo acompañado de comentarios sobre as características físicas dos obxectos a ver, mitoloxía e anécdotas, co obxecto de poder completar á vez unha velada cultural e científica vendo e aprendendo cousas e ao mesmo tempo desfrutar con seguridade das nosas fermosas noites de verán.
Ademais das actividades astronómicas, realizaranse unha serie de conferencias a cargo dunha doutora en Historia da Arte sobre as características e motivos xacobeos existentes nas vilas, igrexas e mosteiros por onde pasan as distintas rutas cara a Compostela.