Adega denuncia que continúa a ocupación ilegal con eucalipto

TerraChaXa | RibeiraSacraXa | LugoXa | SarriaXa | AMariñaXa
Desde o pasado mes de abril presentou máis dun cento de denuncias na Consellaría de Medio Rural por plantacións ilegais de eucalipto.
adega plantacion ilegal eucalipto
26 Oct 2021

No que entra en vigor o novo Plan Forestal de Galicia 2021-2040, Adega dá conta dos primeiros resultados da súa campaña de denuncia contra plantacións ilegais, que intensificou desde o pasado mes de abril, "tras a vaga eucaliptizadora provocada pola moratoria anunciada pola da Xunta de Galiza para as novas plantacións de eucaliptos". Como indican, "malia procurar entre os seus obxectivos a redución dun ridículo 5% da superficie ocupada con eucalipto para 2040, tanto a moratoria como o novo Plan Forestal semellan estar provocando o efecto contrario".

Neste senso, Adega fixo un chamamento á cidadanía galega o pasado mes de abril para que trasladase á organización ecoloxista información sobre presuntas plantacións ilegais de eucalipto, cortas de bosque autóctono ou ocupación de terras de cultivo irregulares efectuadas con esta especie invasora. A campaña tamén se fixo circular a través das redes sociais e dos medios de comunicación convencionais para tentar poñer freo ás plantacións de eucaliptos e cortas a feito prohibidas pola lexislación vixente de  masas de árbores autóctonas, e que a todas vistas están a proliferar no noso territorio, de forma especialmente alarmante tras o anuncio a finais do pasado mes de marzo da moratoria ao eucalipto.

Cumpridos seis meses desde o inicio da campaña na que Adega poñía a disposición das persoas un formulario en liña (http://bit.ly/denunciaforestal) para que, de xeito anónimo, calquera puidese informar sobre plantacións ou cortas ilegais, foron recibidos máis de 230 avisos sobre infraccións cometidas no eido forestal, dos que máis de 200 son denunciables e teñen que ver coa plantación indiscriminada ou irregular de especies do xénero Eucalyptus no noso territorio, segundo engaden.

Durante este tempo, ADEGA xa leva presentadas ante a Consellería de Medio Rural da Xunta de Galiza e demais organismos competentes máis de 100 denuncias sobre plantacións, cortas e cambios de cultivo en parcelas que infrinxiron a normativa forestal, e nalgúns casos, tamén a normativa medioambiental, a de augas ou a de patrimonio.

Substitución de bosque por eucaliptal: o 60% dos casos denunciados

Máis da metade dos avisos de infracción chegados a Adega durante este período foron recibidos no mes de abril, inmediatamente despois do anuncio da moratoria por parte da Xunta ás novas plantacións de eucalipto. Este feito demostra que o anuncio da moratoria, acompañado da ausencia de vixilancia e control por parte das autoridades competentes, o único que fixo foi aumentar o problema.

Até a actualidade, e tendo en conta que aínda fican moitas denuncias por tramitar, Adega xa leva presentado diante da Xunta de Galiza máis de 100 denuncias que atinxen á transformación irregular de máis de 80 hectáreas (ha) de terreo de bosque ou de cultivo en eucaliptal, o que equivale a máis de 197 campos de fútbol de superficie ocupados ilegalmente por esta especie foránea e invasora tras o anuncio da moratoria da Xunta. Este feito vén a constatar a falta de control e vixilancia que houbo por parte da Xunta no monte galego tras o anuncio da moratoria do eucalipto, e como esta contribuíu a promover a infracción das normas en materia forestal, á aumentar as agresións ao medio ambiente e á superficie destinada á agricultura e gandería, as cales teñen cada día un acceso máis difícil á terra.

Así pois, explican que das parcelas denunciadas até hoxe, o 40 % corresponde a plantacións de eucaliptos sobre solo de uso agrícola e pastos e o 60 % restante, a cortas a feito de masas de bosques autóctono, en moitos casos carballeiras. A meirande parte delas, efectuadas en parcelas menores de 5 ha. Alén disto, un 15 % das plantacións afectan a algún curso de auga ou a zonas de dominio público hidráulico, e un 10%, a elementos do patrimonio cultural, polo que tamén foron denunciadas ante o organismo con competencia.

En canto ao  ámbito territorial máis afectado, o 83 % das denuncias presentadas corresponden á provincia de Lugo, onde se incrementou especialmente a eliminación de bosque autóctono para a súa posterior eucaliptización, especialmente nos concellos lucenses de Baralla, A Fonsagrada, Antas de Ulla, Castroverde ou Palas de Rei.

A punta do iceberg das infraccións pro-eucalipto

A pesar da entrada en vigor da moratoria do eucalipto no pasado 2 de xullo, os avisos recibidos por Adega con información sobre eliminación de pastos e cultivos ou de bosque autóctono para a plantación de eucaliptos non deixaron de chegar, "e moito nos tememos que tampouco a entrada en vigor  do novo Plan Forestal de Galicia 2021-2040 Cara a neutralidade carbónica terá un efecto disuasorio contra as plantacións ilegais".

"Por outra banda, somos conscientes de que o número de avisos que nos chegan e de denuncias que ADEGA e outras organización rurais e ecoloxistas acaban presentando na Xunta por plantacións ilegais de eucalipto está moi lonxe de alcanzar o número de infraccións reais. Lamentablemente, o número de situacións fraudulentas é exponencialmente maior. Por iso, animamos a sociedade galega a seguir denunciando estas situacións ou a informar sobre as mesmas aos diferentes colectivos ecoloxistas para loitar entre todas pola defensa do medio ambiente e do noso rural para que estes feitos non queden impunes", din. O formulario de denuncia forestal pódese atopar na páxina web de Adega ou directamente na seguinte ligazón: http://bit.ly/denunciaforestal

E ante esta situación, demandámoslle especialmente á Xunta de Galiza que actúe oficio, demostrando con feitos a súa teórica vontade de frear a expansión do eucalipto, cumprindo escrupulosamente coa lei de montes, de biodiversidade e de patrimonio cultural, e coas súas funcións de control e vixilancia fronte a este tipo de infraccións.

Así mesmo, requirímoslle unha vez máis que cumpra coa lei de transparencia e de acceso á información pública e ambiental, pola que está obrigada a informar a Adega sobre o destino que obteñen todas e cada unha das denuncias presentadas. Neste senso, lembrámoslle que recentemente o TSXG dáballe a razón a Adega fonte a pretensión da Xunta de ocultar información relativa a expedientes sancionadores sobre plantacións ilegais.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.050451040267944