Adega pide que se suspendan os traballos de corta na devesa do Lusío, en Samos
Adega denuncia a corta a feito de arborado autóctono na contorna do albergue da Casa Forte do Lusío, en Samos, tras ser avisados por persoas que estaban facendo o Camiño de Santiago. Ao comprobar que se trataba da emblemática devesa do Lusío, un espazo de grande valor ambiental incluído en Rede Natura 2000, por onde transcorre o Río Ferreira e o Camiño de Santiago, a entidade presentou denuncia perante o Seprona, a Xefatura Territorial de Medio Rural en Lugo, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, a Dirección Xeral de Patrimonio Natural e a Confederación Hidrográfica Miño Sil (CHMS).
A raíz da denuncia presentada, comunicáronlles que o Mosteiro de Samos, propietario dos terreos, e a empresa Forcons Noroeste SL contaban con autorización para realizar unha entresaca de arborado autóctono na devesa, con informes favorables de Patrimonio Cultural e Patrimonio Natural.
Porén, nesa mesma comunicación indícase que o Mosteiro de Samos non está cumprindo cos condicionantes impostos na autorización de Medio Rural, por canto está afectando ao dobre do que foi autorizado, estanse abrindo vías de saca non permitidas, e estase facendo unha corta a feito e non unha entresaca. Ademais, sinálase que estes traballos non están sendo supervisados por ningunha persoa técnica en arqueoloxía.
Adega foi comprobar se os traballos continuaban e así foi, polo que reiterou a denuncia e o Seprona explicou que non recibiran ningunha orde de paralizar a corta na devesa do Lusío, polo que segundo a súa versión, non puido facer efectiva nin executar a devandita orde de paralización.
Por todo isto, desde Adega demandan a inmediata execución de suspensión dos traballos de corta, dirixíndose á Consellería de Medio Rural “para que mande executar a orde de paralización e abra o correspondente expediente sancionador, tendo en conta que tanto a empresa como as persoas propietarias dos terreos incumpriron deliberadamente a súa orde de paralización”, inciden.
Así mesmo, piden a outros organismos competentes que “actúen con dilixencia e urxencia para evitar danos irreparables, tanto ambiental como patrimoniais”, e ameazan: “Adega presentará unha denuncia perante a fiscalía por posible prevaricación e dano ambiental se a Consellería non actúa de inmediato”.