Oural inaugura o seu novo túnel ferroviario tras un simulacro de emerxencia que puxo a proba a súa seguridade

LugoXa | SarriaXa | RibeiraSacraXa | OurenseXa
O exercicio recreou un incendio nun tren con 46 pasaxeiros e permitiu comprobar a coordinación dos equipos de intervención
Simulacro-túnel-Oural-Sarria
23 Sep 2025

Adif, en colaboración con Renfe, desenvolveu un simulacro de emerxencia no novo túnel de Oural, infraestrutura que forma parte da renovación integral do corredor ferroviario Ourense-Monforte de Lemos-Lugo, conectado coa rede de alta velocidade en Ourense. O obxectivo foi implantar e verificar o Plan de Autoprotección (PAU) do túnel e o Plan de Actuación, Evacuación e Rescate do Tren (PAER), neste caso cun convoi da serie 594 de Renfe.

O exercicio contou coa participación de servizos de emerxencia e seguridade como Bombeiros, Emerxencias 112, 061, Protección Civil, Garda Civil, Policía Local e Cruz Vermella, xunto con persoal de Adif e Renfe. A simulación partiu dunha avaría técnica cun conato de incendio nun tren de viaxeiros con 46 persoas a bordo. Ante a imposibilidade de extinguir o lume desde o equipo de bordo, activouse o protocolo de aviso ao Centro de Protección e Seguridade de Adif e requiriuse asistencia externa.

Os bombeiros interviñeron de inmediato para sofocar o incendio e evacuar nove feridos, catro deles graves, trasladados en padiola ao exterior. O resto das persoas foron evacuadas polos corredores de saída do túnel, entre elas dúas con mobilidade reducida, coa axuda do persoal ferroviario. A proba prolongouse coa reunión dun comité de avaliación encargado de extraer conclusións para mellorar a coordinación en situacións reais.

O novo túnel de Oural, de 1,9 quilómetros de lonxitude e sección de 52 metros cadrados, contará cunha vía única electrificada sobre placa de formigón e disporá de tres saídas de emerxencia que comunicarán coa actual infraestrutura, que será reconvertida en galería de evacuación. A actuación enmárcase nos investimentos de 626 millóns de euros mobilizados por Adif para modernizar os 117 km da liña Ourense-Monforte de Lemos-Lugo, das que xa se executaron máis de 507 millóns, e que inclúen tamén a reforma das estacións de Monforte, Sarria, Os Peares e Lugo.

O acto contou tamén coa presenza do presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, o delegado do Goberno, Pedro Blanco Lobeiras, e o alcalde da capital lucense, Miguel Fernández Méndez. A infraestrutura, que entrará en servizo este martes 23 de setembro, constitúe unha das actuacións máis destacadas do plan de modernización ferroviaria en Galicia, cun investimento global de 626 millóns de euros para a renovación integral da liña.

Na súa intervención, José Tomé destacou que a apertura do túnel “marca un antes e un despois nas comunicacións ferroviarias da provincia, permitindo mellorar a fiabilidade da liña e garantir a calidade do servizo”. Subliñou ademais que “Lugo deixa atrás anos de esquecemento e dá un paso decidido cara á modernización grazas a unha vontade política firme e a un investimento real que supera os 746 millóns de euros en infraestruturas, incluíndo a nova Estación Intermodal da capital ou a rehabilitación estrutural da A-6”.

No acto estiveron presentes tamén a subdelegada do Goberno en Lugo, Olimpia López, e o concelleiro de Dinamización Económica, Mauricio Repetto, acompañados de técnicos de Adif.

⚙ Configurar cookies
0.084588050842285