Adif suprimirá catro pasos a nivel en Sarria, dous deles no Camiño de Santiago

SarriaXa
O investimento de 3,9 millóns permitirá substituír os cruces por un paso inferior, unha pasarela peonil e melloras viarias en Barbadelo e Albán
Paso-a-nivel-tren-adif
30 Jul 2025

O municipio de Sarria será escenario dunha das actuacións máis relevantes no ámbito ferroviario dos últimos anos coa licitación, por parte de Adif, dun proxecto de 3,9 millóns de euros que contempla a supresión de catro pasos a nivel, dous deles situados en pleno trazado do Camiño de Santiago. O prazo para presentar ofertas estará aberto ata o 23 de setembro.

Un dos pasos afectados atópase na saída da capital municipal, logo da Ponte da Áspera, no punto quilométrico 395,420 da liña Palencia-A Coruña, por onde transcorre unha variante da ruta xacobea cara a Maside. Alí proxéctase a construción dunha pasarela peonil metálica, de 2,3 metros de ancho, accesible mediante ramplas, que garantirá a seguridade das persoas camiñantes, especialmente das que teñen mobilidade reducida.

O segundo paso no Camiño está no punto 394,849, no trazado principal en dirección a Barbadelo. Neste caso, substituirase por un paso inferior de 21,6 metros de lonxitude e 8 metros de ancho, que incluirá beirarrúa de tres metros, calzada para vehículos de catro e cuneta lateral dun metro. A actuación neste punto supón case 1,7 millóns do orzamento total, sendo unha das intervencións máis custosas do plan.

Segundo o documento técnico, o novo paso inferior implicará rebaixar os camiños actuais para acadar os 4,5 metros de gálibo baixo a vía, mantendo a conexión tanto co Camiño de Santiago coma coa LU-633, que une Sarria con Portomarín. Para evitar cortes durante as obras, proporanse trazados alternativos para os peregrinos.

As outras dúas intervencións serán na parroquia de Barbadelo (punto 393,993) e en Albán (punto 393,072). No primeiro caso, eliminarase o cruce e os dous lados da vía conectaranse cun paso superior situado a 265 metros ao sur. Para iso, mellorarase un camiño existente no lado leste e crearase unha nova pista no lado oeste, ambas paralelas á vía.

Na zona de Albán, onde o paso dá acceso a varias parcelas agrarias, prevese habilitar un camiño de máis de 330 metros de lonxitude que garanta o acceso ás leiras tras o peche do paso.

As obras, que contan cun prazo de execución de doce meses, implican actuacións en 43 propiedades e suporán a expropiación de máis de 13.000 metros cadrados, especialmente na contorna do paso de Barbadelo. Ademais, outros 12.000 metros cadrados serán ocupados temporalmente. Os terreos afectados pertencen a Adif, á Xunta, ao Concello de Sarria e a particulares.

 

⚙ Configurar cookies
0.15312004089355