ADOS fai un chamamento urxente para aumentar as reservas de sangue dos grupos A+ , A– e 0–

GaliciaXa | LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa | ACoruñaXa | OurenseXa
A onda de gripe e infeccións respiratorias reduciu as doazóns, polo que ADOS pide incrementar de inmediato as reservas dos grupos A Positivo, A Negativo e Cero Negativo
Doa Sangue
6 Dec 2025

A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) fixo un chamamento urxente á solidariedade da cidadanía galega ante o descenso das reservas de sangue provocado pola onda de gripe e outras enfermidades víricas respiratorias.

A diminución na participación dos doantes está a afectar especialmente ás reservas dos grupos A Positivo, A Negativo e 0 Negativo, polo que ADOS solicita reforzar as doazóns nos próximos días.

Na actualidade, o chamamento é xeralizado ao conxunto da poboación doante, pero prioritario para os tres grupos sanguíneos máis afectados. ADOS lembra que a doazón é imprescindible para garantir intervencións cirúrxicas, tratamentos oncolóxicos, accidentes e múltiples situacións de urxencia médica que dependen diariamente das transfusións.

A axencia dispón de sete locais fixos de doazón nas principais cidades galegas, ademais de dez unidades móbiles que percorrerán numerosos concellos ao longo das vindeiras xornadas.

Desprazamentos das unidades móbiles

Martes, 9 de decembro: Cedeira · Kimak · Teixeiro (Curtis) · Jealsa (Bodión) · Muros · Ronda das Fontiñas (Lugo) · Quiroga · Rúa do Paseo (Ourense) · Mondariz · Ribadumia · Tomiño

Mércores, 10 de decembro: Repsol e Os Mallos (A Coruña) · Muxía · Jealsa (Bodión) · Miño · Praza Roxa (Santiago) · Praza Maior (Lugo) · A Cañiza · O Rosal · Ferraría (Pontevedra) · Barrio do Calvario (Vigo)

Xoves, 11 de decembro: Praza de España (Ferrol) · A Grela e Cantón-Obelisco (A Coruña) · Cambre · Escurís · Milladoiro (Ames) · Viveiro · Barrio Estación (Ourense) · Arbo · Rúa Príncipe e Torrecedeira (Vigo) · Vilanova de Arousa

ADOS agradeceu o compromiso continuo dos galegos e galegas que doan sangue e convidou ás persoas que aínda non se estrearon a dar “ese paso solidario que salva vidas cada día”. Para resolver dúbidas ou consultar os puntos e datas das unidades móbiles, a axencia pon ao dispor da cidadanía o seu teléfono gratuíto 900 100 828, así como a web ados.sergas.gal e as súas redes sociais.

⚙ Configurar cookies
0.071424961090088