Adrián Balboa, presidente da Asociación Banda de Música da Comarca de Sarria: “Queremos achegar a nosa actividade musical a todos os concellos da comarca”

SarriaXa
Por Jessica Fernández Cerdeira.
Banda de Música Comarca de Sarria
30 Dec 2023

Por Jessica Fernández Cerdeira.

Falamos con Adrián Balboa Valcarce, presidente da nova Asociación Banda de Música da Comarca de Sarria.

De onde vén o seu amor pola música?

A miña relación coa música sempre foi parella á miña traxectoria vital, sempre estivo aí presente: dende os primeiros pasos da man do meu avó Francisco, un auténtico apaixoado da música, e do grupo de música tradicional que había nos anos 90 en Triacastela, a Asociación Cultural Afonso IX, ate acadar a titulación superior na Escola Superior de Música de Catalunya, pasando todos estes anos por innumerables escolas, conservatorios e agrupacións.

Pero a miña traxectoria persoal non ten nada de especial, simplemente é aquela dunha persoa que sente amor pola música e decide nos seus anos mozos adicarse profesionalmente a ela. Os demais compañeiros nesta aventura de fundar unha banda de música teñen situacións similares, moitos deles coa mesma ou maior titulación académica, pero todos, sen excepción, cun amor indiscutible pola música, polas bandas e pola súa terra.

Quen conforma a asociación?

Somos un grupo composto por nove persoas fundadoras, todas residentes nos distintos concellos que compoñen a comarca de Sarria, que decidimos unir forzas nun ilusionante proxecto destinado a enriquecer a vida cultural da zona, nomeadamente a cultura das bandas de música, tan arraigadas historicamente en Galicia.

Os fundadores desta asociación, todos apaixonados pola música e comprometidos coa comarca, esperamos que a Banda de Música da Comarca de Sarria se converta nun faro cultural e contribúa significativamente á riqueza cultural e musical dos sete concellos: O Incio, Láncara, Paradela, O Páramo, Samos, Sarria e Triacastela.

Como xurdiu a idea de poñer en marcha esta asociación?

Os promotores da idea somos uns apaixoados pola música, á que lle debemos moito, porque como che comentaba, a nosa relación coa música é inseparable da nosa vida, medramos con ela.

O certo é que xa levabamos bastante tempo barallando a opción de arrancar un proxecto na zona, un proxecto novo e fresco con personalidade propia, e a finais deste verán pasado decidimos dar o paso e darlle unha concreción e un formato.

A idea de que sexa unha agrupación para toda a comarca veu dun xeito natural: por unha banda, somos todos veciños dos concellos que a conforman e, por outro, queriamos vincular este proxecto a todos eles, proporcionando unha formación coa que se identifiquen tanto no nome como na actividade.

Que obxectivos persegue a asociación?

Esta asociación sen ánimo de lucro ten un compromiso sólido e profundo cara a dinamización cultural local, cun enfoque especial nas zonas rurais. O noso obxectivo primordial é contribuír ao enriquecemento cultural e ao acceso á practica musical de toda a veciñanza, especialmente para as xeracións máis novas.

Como asociación planeamos levar a cabo un calendario de actividades e proxectos destinados a cumprir cos obxectivos fundacionais. Entre eles inclúese a organización de concertos, eventos culturais para promoción das bandas de música populares e a creación de espazos e programas educativos para fomentar o amor pola música nos corazóns dos máis pequenos da comarca.

A colaboración con Meigas e Trasgos, vital para o desenvolvemento desta nova asociación?

Para levar a cabo este proxecto tiñamos claro que necesitabamos unhas infraestruturas que non iamos poder conseguir a curto prazo, especialmente no que se refire a ter un local suficientemente amplo, iluminado, habitable e con cadeiras suficientes para todos os músicos, polo que dende o principio vimos a necesidade de contar co apoio dalgunha asociación ou institución que nos prestase un espazo apropiado para poder ensaiar.

Falamos con Meigas e Trasgos e dende o primeiro momento se amosaron moi colaboradores e interesados no proxecto, polo que lles estamos moi agradecidos e agardamos poder actuar na terraza da súa sede cando o clima o permita. En calquera caso, o noso obxectivo primordial é dinamizar a vida cultural da comarca e por iso é seguro que procuraremos colaborar no futuro con outras asociacións e institucións da mesma.

Da man da Asociación, nace a banda, con que motivación?

A Banda de Música da Comarca de Sarria nace co humilde á vez que ambicioso propósito de ser unha banda autenticamente popular: unha banda tanto para músicos afeccionados como para profesionais, e tanto para crianzas como para maiores. É dicir, unha banda interxeracional aberta a todas as persoas con ganas de facer música.

Mentres, un dos ambiciosos obxectivos desta asociación é situar a comarca de Sarria no mapa das bandas de música referentes de Galicia, destacando e fomentando o talento local e promovendo a súa visibilidade alén dos sete concellos.

Desexamos informar por tanto que toda aquela persoa que desexe integrarse na formación ou simplemente visitarnos e coñecernos pode atoparnos todos os sábados a partir das 19.00 no edificio O Meigallo, no parque do Chanto en Sarria.

Temos que agradecer á Asociación Cultural Meigas e Trasgos a cesión do espazo destinado os nosos ensaios así como o fantástico trato e facilidades brindadas dende o primeirísimo día.

Quen é o director desta Banda de Música?

Para capitanear musicalmente esta banda temos a inmensa fortuna de contar coa persoa ideal para o posto de director titular: Jesús López Prado, músico natural de Sarria. Comezou os seus estudos musicais na Escola de Música de Sarria co mestre Francisco Méndez e rematounos nos conservatorios de Madrid e A Coruña. Foi músico militar na banda do "Cuartel General del Ejército de Tierra en Madrid", profesor de clarinete nos conservatorios de Ourense e Lugo e actualmente Director do Conservatorio Profesional de A Coruña.

No ámbito concreto da dirección de banda é unha persoa de sobrada preparación e traxectoria profesional que conta coa experiencia de ter estado á fronte de bandas coma a de Sober, Melide, As Pontes ou a Banda Sinfónica do Conservatorio Profesional de A Coruña, entre outras. Ademais é unha persoa que está ilusionada e comprometida ó cen por cen con este proxecto.

Cales van ser as actividades que van levar a cabo?

A actividade regular das bandas, como é o habitual en todas elas, son os concertos, e niso imos centrar a maior parte da nosa actividade. Esta mesma semana comezamos a preparar o seguinte, que será o de Nadal.

A data e hora aínda non están fixadas, pero previsiblemente será nos días antes de noite boa. Tamén temos que dicir que para facer honra ó nome que escollemos, tentaremos de realizar o concerto nalgún dos outros concellos da comarca.

Que proxectos de futuro teñen pensados durante o ano 2024?

Para o vindeiro ano 2024 temos en mente un calendario repleto de actividades, seguramente máis das que imos dar feito. Tampouco é unha cuestión de números, para nos é prioritario ofrecer un traballo de calidade e non de cantidade. Ademais hai que ter en conta a tipoloxía da agrupación en sí mesma: é unha banda de música popular. Isto significa que está formada por un conxunto diverso de persoas con outras dedicacións, dende os nenos que acoden á escola ata os maiores que teñen un horario de traballo, o que fai que a dispoñibilidade temporal da agrupación no seu conxunto sexa limitada.

Porén, dende a xunta directiva imos facer o todo o posible e o imposible por sacar os proxectos adiante xa que é a nosa responsabilidade. De todas formas, vasme permitir non desvelar os proxectos que temos en mente para o 2024, non porque sexan secreto ningún, se non porque a nosa idea é sacar en xaneiro o calendario xeral para todo o ano logo da súa correspondente aprobación por parte da Asemblea Xeral Ordinaria da Asociación.

Por que é importante este tipo de asociación en Sarria?

A verdade é que a vila de Sarria xa conta con moita actividade cultural e, máis concretamente, musical grazas á labor de diferentes asociacións.

Porén, consideramos que nunca sobra e que todo o que consigamos aportar pode redundar nun enriquecemento da vida musical local, especialmente se, como pretendemos, logramos manter unha actividade con certa constancia ó longo do ano e a facemos chegar máis aló da propia vila, estendéndoa cara os concellos da comarca.

Concellos nos que nalgúns casos non é fácil asistir a actuacións musicais máis aló de certas datas sinaladas e, nestes tempos, raramente de bandas de música populares como a nosa.

A nosa intención non é outra que traer e realizar propostas na Comarca de Sarria que son habituais noutras partes de Galicia. Parécenos que merece moito a pena e ata certo punto é unha novidade o mero feito de realizar este tipo de actividades musicais na nosa casa, colaborar con outras entidades musicais locais e de concellos veciños, atraer como colaboradores a compañeiros e compañeiras doutras zonas ou fomentar e promocionar as ganas e o talento das novas xeracións.

Dende un principio pensamos a nosa actividade baseada nunha máxima: debemos realizar a nosa actividade en todos os concellos da comarca por igual. Isto non quere dicir que fagamos exactamente as mesmas actividades en todos, xa que serían redundantes, pero si aspiramos a realizar actividades en todos eles equitativamente e ilas alternando sempre e cando sexa posible.

Teñen apoios institucionais?

Como asociación cultural sen ánimo de lucro que somos, para nós é fundamental buscar e fomentar a relación coas distintas administracións. Polo momento este proxecto foi presentado ás distintas administracións locais, as cales nos recibiron con moita atención e interese e mostraron a súa vontade a apoialo.

Para nós sería ideal construír unha relación de mutua confianza onde ambas partes saiban que poden contar unha coa outra. Particularmente queremos agradecer ao Concello de Sarria a axuda prestada e a cesión da Casa da Cultura para a organización do concerto de presentación do pasado sábado 18 de novembro.

Banda de Música Comarca de Sarria 3
Banda de Música Comarca de Sarria 2

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.16951704025269