Adrián López: “O máis importante ao coller o Bar Don Pepe foi continuar co legado de Pepe e Lidia”

SarriaXa
Adrián López, propietario do Bar Don Pepe desde o ano 2022, cando José López y Lidia López decidiron dar un paso ao lado, aposta pola continuidade nun local único en Sarria
Adrián-Bar-don-Pepe
8 Feb 2026

Jessica Fernández

Cal é a historia do Bar Don Pepe?

O Bar Don Pepe xorde no ano 1983 e pasou por varias etapas ao longo da súa historia. Desde o principio foi un local moi moderno para a súa época e sempre estivo bastante orientado á tarde-noite, funcionando como pub. Houbo tamén unha etapa na que abría pola mañá e incluso chegaron a dar comidas. Un dos momentos máis recoñecidos foi a época do karaoke, que lle deu moita fama. De feito, houbo artistas que chegaron a cantar aquí, como David Balboa, que foi cantante da París de Noia, ou Lucía Pérez, que chegou a Eurovisión. A día de hoxe, aínda hai xente que segue preguntando se o bar funciona como karaoke. Co paso do tempo, o local foi evolucionando e adaptándose aos novos tempos, e abriuse a terraza ao lado do río, algo moi importante durante a tempada de verán e tamén para os peregrinos. Na actualidade, o bar funciona como bar de bebidas, de viños e de tapas. Lidia, cando era a súa xefa, traballaba moito o tema das tapas, e agora incorporouse a miña nai, que tamén está intentando innovar nese ámbito. As fins de semana vén moita xente á hora dos viños e o bar abre todos os días ata as 3 horas da mañá. En canto á clientela, antes era máis reducida porque se traballaba con botellas de alcohol especializadas e a xente viña por ese produto concreto, mentres que agora hai un maior volume de clientes.

Tamén cambiaron as instalacións?

As instalacións fóronse modernizando co tempo, pero o aspecto do bar mantén unha esencia que non se perdeu.

Estes máis de 40 anos fan que o bar sexa recoñecido, non?

Si. O bar chámase Don Pepe, pero en Sarria, fóra de Sarria e mesmo por Galicia é moi coñecido como Patulas. É recoñecido por levar aquí toda a vida e tamén pola etapa do karaoke. Polo bar pasaron avós, pais e netos. Ademais, destaca o esforzo de Pepe e Lidia por estar á fronte do negocio durante 40 anos sen pasalo de pais a fillos, xa que sempre foron eles os xefes.

Como se converte en propietario?

No ano 2018 traballaba nunha terraza próxima ao bar. Pepe, Patulas, viña alí tomar algo e fixouse en min, e coincidiu que eu rematei a tempada en setembro e en outubro marchou o camareiro que había no bar, polo que entrei eu, a pesar de levar pouco tempo traballando na hostalaría e nunca traballara de noite. Ademais, era curioso, porque a miña nai viña aquí cando era karaoke e agora traballaba comigo, cousas da vida. Cando cheguei ao bar fíxenlle bastantes cambios, xa que era un bar de xente maior, e cambiei o ambiente, traendo xente máis nova. Despois chegou a pandemia, pero tivemos unha moi boa dinámica. Tiña moita confianza cos meus xefes, ibcluso empecei a facer de encargado, axudaba cos pedidos e levaba todo xunto con Lidia. Así, saíronme varias ofertas de traballo e fun falar con eles para comentarlles a situación. Eles pedíronme que aguantase un ano, porque tiñan pensado xubilarse e querían que eu continuase co negocio. Tiñan a ilusión de que eu quedase co bar, xa que as súas fillas non estaban aquí e querían que seguise sendo algo familiar. Así, inaugurei como propietario en decembro de 2022 e estou moi contento. Cando collín o bar tiña confianza en que ía ir ben porque era un bar de toda a vida e eu levaba moito tempo nel, pero a realidade foi moito mellor do esperado.

Cales son os puntos fortes do bar?

Destacan as tapas, o vermú do fin de semana, as partidas co café e tamén a noite. A pesar de que o ocio nocturno está caendo bastante en todos os sitios, o bar mantense ben. Péchase todos os días ás 3.00 horas da mañá e mesmo entre semana hai días con arredor de 30 persoas. Un aspecto moi importante é o tema das tapas, grazas á chegada da miña nai, que está traballando moito e cociña moi ben, polo que conseguimos un premio do Tapicheo cunha tapa feita por ela. Ofrecemos tapas de cociña para acompañar os partidos de fútbol e os viños, e no verán, na terraza, danse tapas frías de cortesía. Non se dá comida porque a cociña non está preparada para iso nin temos previsto incorporala. Para min, o máis importante foi continuar co legado dos meus xefes, mantendo o seu estilo, pero dándolle tamén un toque persoal.

Que importancia ten este bar na sociedade de Sarria?

En decembro participamos no Tapicheo e quedamos terceiros, pero colaboramos con todos os eventos importantes para a sociedade de Sarria, como o Verbena Fest, no que axudo a organizar, e no que o vermú se celebra na terraza do bar. Ademais, colaboramos co Festival Internacional de Maxia de Roberto Lolo, con dúas actuacións no local, e co festival Sarria Blues no Camiño, que tamén programa actuacións aquí. Ademais, o ano pasado celebráronse entre 4 e 5 eventos na terraza para promocionar a vida cultural e social dos veciños de Sarria. Todo evento que se faga no pobo é bo para todos, xa que todos nos nutrimos del: os festivais atraen xente e os bares benefícianse diso. No inverno tamén intentamos organizar festas no bar con marcas de alcohol. Por exemplo, na festa do cocido do porco celta organizouse unha festa pola tarde, e cando se celebra a ruta 4x4 o bar énchese de xente. Tamén colaboramos co Máster de Futbolín. En xeral, participamos e colaboramos con todos os eventos do pobo porque considero que son beneficiosos para todos.

⚙ Configurar cookies
0.085211992263794