Adxudicada, por 455.000 euros, a mellora de tres vías de Paradela a Currelos

SarriaXa | RibeiraSacraXa
A Deputación adxudicou este venres os traballos, que inclúen actuacións en arredor de doce quilómetros das estradas LU-P-4201, LU-P-4205 e LU-P-5818
paradela LU P 4201 currelos
12 Mar 2021

A xunta de goberno da Deputación aprobou este venres a adxudicación, por máis de 455.000 euros, das obras de mellora e renovación do firme de tres estradas provinciais que conectan o municipio de Paradela co núcleo de Currelos, no Saviñao.

O proxecto inclúe actuacións en arredor de doce quilómetros das estradas LU-P-4201, LU-P-4205 e LU-P-5818 que se virán sumar aos traballos levados a cabo recentemente no tramo que une Escairón e Currelos.

No caso da LU-P-4201, que une Pacios con Mosteirovello, o vial arranxarase en tres treitos, que suman uns 2,5 quilómetros: o primeiro tramo vai desde o punto quilométrico 0 ata o 1,235, o segundo, desde o 1,405 ao 1,810, e o terceiro do 3,435 ao 4,200. Esta é unha estrada que vertebra parte do municipio, dando servizo a unha zona importante da poboación de Paradela.

Na LU-P-4205, que une os núcleos de Aldosende e Foilebar, pasando por Feasita, mellorarase un treito da vía de máis de 3,5 quilómetros, desde o punto quilométrico 2,331 ao 5,924.

A terceira vía que se vai arranxar en Paradela é a LU-P-5818. Os traballos acometeranse desde a intersección coa estrada provincial LU-P-4202 ata o núcleo de Vila. Esta estrada dá servizo a núcleos como Valmigallo, Vilacaíz, Carballós e O Amedo.

Para o presidente da Deputación, José Tomé, estas actuacións "seguen demostrando que unha da prioridades deste Goberno é a mellora das comunicacións. Cremos que unha boa rede de estradas é fundamental para o equilibrio territorial e para o desenvolvemento do rural, porque axuda a fixar poboación e a achegar os servizos. Ademais, a obra pública tamén é importante para incentivar a actividade económica e axudar a manter ou crear emprego".

0.077507972717285