Adxudicado o servizo de atención temperá para o conxunto dos sete municipios da comarca

SarriaXa
Co gallo do día Día da Atención Temperá, a Plataforma Diversa Infantil da Comarca de Sarria apelou ás institucións públicas para que continúen mellorando o servizo na comarca
Atencion-tempera-Sarria-2-
17 Xuño 2024

O Concello de Sarria vén de adxudicar o Servizo de Atención Temperá (SAT) para o conxunto dos sete municipios da comarca, Sarria, Samos, Paradela, Láncara, O Páramo, O Incio e Triacastela; por un valor de 185.000 euros anuais e por un periodo de dous anos á empresa A Billarda SL.

Desta maneira, os pequenos de entre 0 a 6 anos disporán dun servizo de atención temperá comarcal de luns a xoves de 8.30 a 14.00 horas e de 16.00 a 20.00 horas, mentres que os venres o servizo será de 8.30 a 12.30 horas.

A licitación do Concello de Sarria, que se adxudicou á cuarta, esixe que o servizo inclúa unha aula sensorial de 40 metros cadrados, sala de lactancia de 20 metros cadrados e espazo exterior para actividades ao aire libre de 250 metros de superficie.

Ademais, a empresa presentou novidades, como 15 horas de formación para familias, 5 horas de actividades grupais para menores e bolsas de 100 horas de logopeda, pedagogo e psicomotricista; así como tamén ofertaron equipamentos de novas tecnoloxías, como visualizadores fonéticos e da fala, dispositivos de debuxo ou escritura manual e aplicacións interactivas de psicomotricidade.

Cabe destacar que o servizo de atención temperá impártese nas instalación do colexio da Asunción e está dirixido a pequenos con trastornos do desenvolvemento ou en risco de padecelos, así como tamén está dirixido ás súas familias e á contorna, polo que conta cunha subvención da Dirección xeral de Persoas con Discapacidade para o ano 2022-2024 de 320.000 euros.

Plataforma Diversa Infantil da Comarca de Sarria

Co gallo do día Día da Atención Temperá, que se celebrou este domingo, 16 de xuño, a Plataforma Diversa Infantil da Comarca de Sarria quixo agradecer o traballo das e dos profesionais das distintas disciplinas implicadas “porque favorecen o desenvolvemento integral das nosas nenas e nenos, e ofrecen apoio e acompañamento ás familias”, explican.

Ademais, recollen como seu o manifesto da Federación Española de Asociacións de Profesionais de AT, apelando ás institucións públicas para que continúen mellorando o Servizo de Atención Temperá da Comarca de Sarria de forma que “se incorporen terapias imprescindibles para moitas nenas e nenos: fisioterapia en pediatría e terapia ocupacional; se garanta, dende o sistema público, a intervención terapéutica máis aló dos 6 anos cando sexa necesario; e se habilite un local específico para estes servizos de forma definitiva, axeitado para favorecer o traballo das e dos terapeutas e accesible para todxs”, conclúen.

0.14091992378235