Agromuralla alerta da situación "crítica" das explotacións leiteiras pola suba da luz

TerraChaXa | RibeiraSacraXa | LugoXa | SarriaXa | AMariñaXa
A asociación de gandeiros e gandeiras denuncia que as empresas lácteas non están a ter en conta os custos de produción das granxas na renovación dos contratos e esixe ao Ministerio que obrigue ás industrias e á distribución a garantir un prezo digno aos produtores.
vacas leite
23 Jul 2021

A asociación de gandeiros e gandeiras denuncia que as empresas lácteas non están a ter en conta os custos de produción das granxas na renovación dos contratos e esixe ao Ministerio que obrigue ás industrias e á distribución a garantir un prezo digno aos produtores.

A asociación de gandeiros e gandeiras Agromuralla califica de "crítica" a situación pola que atravesan a maioría das explotacións leiteiras galegas debido á "suba desproporcionada" que nos últimos meses se está a producir en insumos básicos como o penso para a alimentación do gando ou o recibo da luz e esixe ás Administracións "que adopten as medidas necesarias para garantir a viabilidade e continuidade dun sector estratéxico para o conxunto de Galicia".

O presidente de Agromuralla, Roberto López, denunciou o "pasotismo" tanto da Xunta como do Ministerio diante da situación das ganderías, que na actualidade, e cos prezos que pagan as industrias, non cubren os custos de produción. "Os gandeiros estamos perdendo cartos todos os meses, tirando de aforros para seguir adiante, pero se a situación non cambia moitas explotacións veranse obrigadas a pechar, despois de ter feito importantes investimentos nos últimos anos", asegura.

Por iso, urxe a que "dunha vez por todas" tanto a Xunta como o Ministerio "interveñan" para que o prezo que cobran os produtores sexa "xusto" e permita "vivir con dignidade no rural". "Galicia non se pode permitir que cada día siga pechando unha explotación de leite", asegura Roberto López, que teme que o ritmo de abandonos poida incrementarse de aquí a final de ano se a situación non cambia, "arrastrando consigo toda unha actividade económica complementaria, porque as ganderías de leite somos o motor do rural galego", defende.

Subas nos pensos e o recibo da luz

No último ano os custos das explotacións disparáronse como consecuencia do forte encarecemento dos pensos e outros insumos para alimentación do gando, que subiron máis dun 30%, así como os abonos e os plásticos dos silos. A isto sumouse o encarecemento do recibo da luz, a raíz do cambio tarifario aplicado o pasado mes de xuño, que fixo subir a factura eléctrica das explotacións. A modo de exemplo, o presidente de Agromuralla indicou que unha granxa cun robot de muxido está a pagar agora 200 euros máis ao mes que antes da introdución dos tramos horarios.

Todas estas subas están a afectar á rendibilidade das explotacións e a facer que non se cumpra a legalidade vixente, xa que a Lei da Cadea Alimentaria, logo da súa última modificación, establece que os prezos que cobran os produtores primarios polos seus produtos deben cubrir obrigatoriamente os seus custos de produción. "É intolerable que aquí se estea a imcumprir a normativa legal e non pase nada e que as Administracións públicas, que son as garantes de que a Lei se cumpra, miren para outro lado", insiste Agromuralla.

Renovación de contratos en agosto

A maioría dos contratos lácteos entre gandeiros e industrias renóvanse ben no mes de marzo, ben no mes de agosto, polo que o mes que vén tocaría facelo a un bo número de explotacións. "Están a chegar propostas de contratos ás granxas que incumpren claramente a Lei da Cadea Alimentaria", asegura Roberto López, que pon como exemplo os contratos que ofrece algunha industria cun prezo de 29,5 céntimos.

"O estudo de custos que acaba de aprobar o Ministerio establece os custos de produción das explotacións entre os 32 e os 38 céntimos, cunha media de 35 céntimos, polo que ofertas que cheguen por baixo desas cantidades son claramente ilegais", denuncia Agromuralla. A asociación de gandeiros afirma que "as políticas das industrias seguen sendo as mesmas de sempre, de coaccións e presións para que os gandeiros asinen, pero os produtores seguimos sen ter capacidade real de negociación".

Estudo de custos irreal

Finalmente, Agromuralla acusa ao Ministerio de Agricultura de crear "confusión" no sector cun "estudo de custos irreal que crea moita incertidume e obriga na práctica a facer un análise personalizado de cada unha das granxas para establecer a cifra individualizada dos custos de produción". "O Ministerio modificou o cálculo inicial e introduciu a media dos anos 2018 e 2019, no que as materias primas de alimentación do gando estaban máis baixas, para distorsionar o estudo, que non se axusta á realidade nin ten en conta a suba actual dos pensos", indica Roberto López.

"Temos un ministro de Agricultura que sucumbiu ás presións da industria e das cadeas de distribución e que modificou ao seu antollo o estudo de custos oficial para maquillalo en favor da distribución e sen actuar en defensa dos produtores", denuncia Agromuralla, que non descarta mobilizacións como as que se están a organizar noutras comunidades, como é o caso de Andalucía. "É bastante sorprendente que aquí en Galicia ninguén diga nada e estea todo o mundo calado cando estamos cobrando o leite dous céntimos por baixo da media do resto de España", asegura Roberto López.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.14706611633301