Agromuralla reclama solucións para que se poida pasar a ITV na Reboleira
A asociación de gandeiros e gandeiras Agromuralla pide ao alcalde de Láncara, Darío Piñeiro, "unha solución definitiva que garanta que se poida pasar a ITV agrícola no lugar da Reboleira" e acúsao de "non facer nada nun ano para facilitar que os agricultores e gandeiros deste concello poidan pasar a ITV dos seus tractores e maquinaria en anos vindeiros sen vérense obrigados a facer grandes desprazamentos".
Agromuralla lembra que a empresa Supervisión y Control SAU, concesionaria da ITV en Galicia, suprimiu o ano pasado, alegando problemas de espazo para instalar o novo camión utilizado para a realización das revisións, de maiores dimensións que o anterior, a habitual ubicación na Reboleira, un dos dous puntos habilitados até entón no termo municipal de Láncara para pasar a ITV agrícola.
A supresión deste emprazamento obrigou entón aos usuarios das parroquias de Vilaesteva, Santiago de Cedrón, San Martiño de Río, Augalevada, Armeá de Arriba, Vilouzán, Monseiro ou Touville a teren que desprazarse cos tractores e os distintos apeiros até o outro dos puntos móbiles de ITV, situado en Carracedo, uns desprazamentos que nalgúns casos chegan aos 15 quilómetros, "co agravante de que é necesario facer varias viaxes para levar toda a maquinaria ou se por exemplo algúns dos elementos non pasan a revisión á primeira", o que supón "grandes prexuizos tanto económicos como de tempo" a todos os veciños desta zona do concello, xa que, como lembra Agromuralla, non só están obrigados a pasar a ITV aqueles gandeiros en activo, senón tamén todas as persoas xubiladas que posúen algún tipo de maquinaria agrícola.
Agromuralla denunciou esta situación en xaneiro de 2020, logo de que varios dos seus socios nesta zona recibiran a comunicación para o paso da ITV anual en Carracedo. A asociación de gandeiros púxose nese momento en contacto co Concello, encargado de facilitar á empresa concesionaria da ITV as ubicacións, urxindo unha solución ao respecto. "Tivemos dúas reunións co Concello, unha naquel momento, en xaneiro do ano pasado, e outra posterior en setembro, nas que o alcalde se comprometeu a habilitar unha nova ubicación na Reboleira, a uns 300 metros da anterior, a carón do punto de acopio de plásticos agrícolas, pero atopámonos con que non se fixo nada e ese espazo non está acondicionado", denuncia Agromuralla.
Cambios nas citacións deste ano entre o 5 e o 12 de febreiro en Carracedo
Os veciños de toda esta ampla zona do municipio de Láncara que raia con Sarria volveron ser citados inicialmente este ano para pasar a ITV anual aos seus vehículos agrícolas entre os días 5 e 12 do vindeiro mes de febreiro no outro dos emprazamentos, o de Carracedo, obrigándoos deste xeito a importantes desprazamentos, pero logo, en días pasados, foron chamados un a un por parte da empresa da ITV para modificar as súas citas e ofrecerlles a posibilidade de pasar a inspección na Reboleira entre o 5 e o 8 de febreiro, sen necesidade de ter que ir con toda a maquinaria até Carracedo.
O motivo é que o restaurante que había alí situado na Reboleira está pechado, polo que de xeito excepcional este ano pode ser usada a explanada que ten de aparcadoiro diante como ubicación para o camión da ITV, pero "esta solución puntual non garante que se resolva o problema de xeito definitivo", advirten os gandeiros e gandeiras de Agromuralla.
Por iso, urxen ao Concello a acondicionar o espazo situado diante do punto de acopio de plásticos agrícolas para poder contar cun lugar con carácter permanente onde instalar a ITV. Este novo espazo cumpriría cos criterios de dimensións necesarias e escaso desnivel requeridos e permitiría manter a equidistancia de todos os veciños do municipio a respecto dos puntos móbiles da ITV.
Da ubicación na Reboleira tamén se beneficiarían usuarios do concello veciño de Sarria, dada a súa proximidade. Por iso, José Manuel Díaz insiste na importancia e na necesidade de que o Concello de Láncara acometa esa infraestrutura. "É unha obra sinxela, trátase só de acondicionar o terreo limpándoo e botándolle algo de firme, por iso nos parece incrible que en todo un ano non se fixese, o que denota falta de interese e de vontade en resolver os problemas aos veciños", asegura.