Agromuralla solicita unha reunión coa nova consellería de Medio Rural para falar do prezo do leite

LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa
A asociación de gandeiros e gandeiras considera "moi preocupantes" as novas ofertas de renovación de contratos
VASO-DE-LEITE
Vaso de leite
17 May 2024

A asociación de gandeiras e gandeiros Agromuralla vén de presentar unha solicitude de reunión coa nova conselleira do Medio Rural, María José Gómez para abordar varios asuntos "que afectan e preocupan" aos produtores de leite.

Para Agromuralla, "é positivo" que a nova conselleira teña "relación directa e vínculos familiares co sector lácteo" e agarda que esta circunstancia sirva para que poida ter "maior sensibilidade" aos problemas das explotacións.

Por iso, Agromuralla considera "moi preocupantes" as primeiras ofertas das industrias para a renovación dos contratos de compra do leite a partir do mes de xullo, que inclúen novas baixadas de até 2 céntimos no prezo a percibir polos gandeiros, despois de que en abril se produciran tamén descensos de entre 2 e 5 céntimos, dependendo da empresa.

"Neste momento as ganderías de leite están a sufrir baixadas de prezo que poñen en risco a viabilidade das explotacións", advirte o presidente de Agromuralla, José Luis Pérez Barreiro. "Os prezos en orixe téñense devaluado xa un 25% no último ano, tras sufrir unha caída duns 15 céntimos, desde os 60 céntimos do inverno pasado ao entorno dos 45 céntimos actuais", quéixase o presidente de Agromuralla. "Queremos saber que medidas hai previstas para frear esta caída de prezos", di.

Desde a asociación de gandeiros reclaman á Xunta que publique mensualmente, dentro do Observatorio Lácteo, os custos de produción das explotacións galegas, ao igual que se publican os prezos medios de venda do leite na comunidade, para contar con "datos obxectivos que permitan que se cumpra a Lei da Cadea Alimentaria".

"De cara á reunión coa conselleira queremos saber tamén que medidas hai previstas para facer fronte á EHE, que é unha gran ameaza para as ganderías de vacún, tanto de leite como de carne, e que non nos pode coller desprevidos, como aconteceu o ano pasado", argumenta Pérez Barreiro.

Preocupación por Altri

Outro dos asuntos a abordar na xuntanza é "o impacto que poida ter Altri no sector agrogandeiro, tanto da comarca da Ulloa como doutras zonas subministradoras de materia prima para a planta".

Agromuralla considera que hai "falta de información" e pídelle á nova conselleira "que se reúna co sector e explique os detalles do proxecto e a súa compatibilidade coa actividade agrogandeira". "O forestal ten que existir, igual que o sector agrario e gandeiro, pero cada cousa no seu lugar", defende a asociación de produtores de leite.

Agromuralla quere saber cal vai ser "a afección real" se a planta de celulosa se chega a instalar en Palas de Rei, xa que "os proxectos no papel cumpren todos, pero outra cousa é despois a realidade práctica", argumenta Pérez Barreiro, que pide á Xunta que "mire con lupa" o proxecto para que cumpra toda a normativa, tanto a urbanística como a forestal e medioambiental, "igual que nos obrigan a cumprir ás granxas", compara.

"Non estamos en contra de que proxectos deste tipo se leven a cabo, pero vai estar implantado nunha zona agrogandeira e de pouco serve xerar uns poucos postos de traballo se como contrapartida se fai inviable a existencia de explotacións na zona, porque quen fai moverse a economía nas zonas rurais son as granxas e as pequenas empresas, que somos as que dinamizamos a economía local", asegura Pérez Barreiro.

Autorización do prato invertido para o xurro

Finalmente, desde Agromuralla pedirase á nova conselleira que faga os trámites legais necesarios para autorizar "canto antes" a utilización do prato invertido como sistema para a aplicación de xurros en Galicia.

"A entrada en vigor o 1 de xaneiro deste ano do Real Decreto de Nutrición Sostible de Solos Agrarios, obrigando á utilización de sistemas de inxectores ou tubos colgantes, deixou sen alternativa a miles de granxas en Galicia para o abonado dado que a normativa non se adapta ás condicións e características da nosa comunidade", explica Pérez Barreiro.

Porén, a raíz das protestas levadas a cabo esta primavera por agricultores e gandeiros de toda España, o Ministerio flexibilizou a norma e anunciou que se poderá usar o sistema de prato invertido previa autorización por parte das comunidades autómomas. "Atopámonos nunha situación de alegalidade, polo que é necesario que a Xunta autorice canto antes o seu uso no territorio galego", xustifica o presidente de Agromuralla.

Novo sistema de toma de mostras do LIGAL

Nas últimas semanas estánse adaptando as granxas ó novo sistema de toma de mostras do LIGAL, a través do cal se vai dotar de maior proteción ás mostras tomadas nas granxas, através dun sistema de dixitalización. Nembargantes, dende Agromuralla consideran que "non é suficiente, pois é preciso que se faga a toma de dobre mostra, posto que o novo sistema ven a dotar de maior seguridade ás mostras tomadas, pero o gandeiro segue a sufrir indefensión nun caso de erro nas analíticas", di José Luis Pérez. "A dobre mostra lacrada é unha reivindicación de Agromuralla dende o ano 2015, e ata o de agora sempre recibimos algún tipo de excusa para non implantalo." En realidade, Agromuralla considera que, manter o sistema actual ven a reforzar a postura de superioridade das industrias en casos de discrepancia.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.15397500991821