Aínda hai prazas para apuntarse a inglés na Extensión de Sarria da Escola Oficial de Idiomas
Desde a Extensión de Sarria da Escola Oficial de Idiomas informan de que durante todo e mes de agosto e ata o 20 de setembro, en tanto queden prazas vacantes, calquera persoa interesada pódese matricular para practicar, aprender e socializar en inglés no curso 2024-25.
Na Extensión de Sarria pódense cursar dende o nivel básico (A1-A2) ata o 1º curso de avanzado (C1.1), pasando por todos os cursos de nivel intermedio: B1, B2.1 e B2.2. Este ano ofértase B1 tamén en modalidade semipresencial, unha única sesión presencial por semana e o resto do traballo en liña.
Outra importante novidade no curso 2024-25 son os cursos monográficos, obradoiros prácticos de destrezas orais, de nivel intermedio e de nivel avanzado, sen exames e pensados para quen partindo dun certo nivel de competencia (B1 ou B2) busca practicar para mellorar as súas destrezas orais: comprender e falar, mediante actividades de escoita e conversa sobre unha variedade de temas de interese.
Todas as matrículas realízanse a través de Internet sen necesidade de desprazamentos e durante o mes de agosto pódese contactar coa oficina administrativa da Escola de luns a venres de 10.00 a 13.00 para resolver calquera dúbida no teléfono 982 829 230.
A partir do 2 de setembro poderase contactar coa xefatura de estudos adxunta en Sarria no enderezo eoi.lugo.sarria@edu.xunta.gal
O comezo dos cursos será a partir da segunda semana de setembro nas dependencias do IES Gregorio Fernández, en Sarria.