Aínda se pode visitar 'El alma de María', unha exposición de máis de 30 obras de María Barrado

A Casa da Cultura de Sarria acolle a exposición 'El alma de María', unha mostra da artista local María Barrado García que reúne máis de 30 obras realizadas con técnicas como a acuarela e o debuxo lineal con Rotring.
Segundo explicou a propia autora, esta iniciativa funcionou para ela como unha terapia para facer fronte aos seus problemas de saúde mental, permitindo abrir un universo interior que comparte con todas as persoas que se achegan á súa obra.
Barrado describiu as pezas como expresións de “moita dor interior, feitas con moita alma e moito cariño”. A súa pintura combina diferentes estilos, desde o naíf ata o abstracto, creando unha variedade de composicións que reflicten as etapas vitais e os sentimentos máis profundos da súa vida.
A artista retomou a súa faceta pictórica despois de anos de pausa, e paralelamente presentou o seu primeiro poemario, “Amor Exia”, tamén en Sarria, no que recolle experiencias e emocións persoais que se entrelazan coas temáticas da súa exposición.
A mostra pódese visitar na Casa da Cultura de Sarria ata o 30 de outubro, permitindo que o público se achegue a unha experiencia artística cargada de emoción e introspección.