Álex Camba, da AC Taekwondo Sarria: "Estamos súper contentos co traballo do noso alumnado”
Por Jessica Fernández
Como foi o primeiro ano de vida da AC Taekwondo de Sarria?
A verdade é que comezou cun pouco de dúbida, xa que non sabiamos como ía aceptar a xente de Sarria esta actividade, pero foron pasando os meses e o tempo e foi tendo mellor acollida. A día de hoxe é unha das actividades das que falan moi ben en Sarria e unha das máis recoñecidas, xa que estamos en dous lugares, na escola de Sarria e no colexio de Paradela cunha actividade extraescolar na que participan 15 pequenos, mentres que na escola temos entre 70 e 75 federados. Xa estamos reservando prazas para a tempada que vén e contamos con 100 licenzas, así que estamos súper contentos.
Cales son os éxitos do seu alumnado que máis valora?
Valoramos o percorrido do noso alumnado Mateo Fernández, que empezou este ano e daquela xa lle dixen que era un ano de preparación na categoría Júnior, xa que está no primeiro dos tres anos da categoría. Aínda estando no primeiro, logrou quedar 3º na categoría Júnior do Open de España 2º no Campionato Galego.
Ademais, estou contento cos nenos pequenos da escola e eles son moi felices por conseguir medallas, o que fixeron no campionato provincial de poomsae en Taboada e no Campionato Galego Escolar en Vigo.
Como se sentiu como adestrador de taekwondo durante esta tempada?
A verdade é que estaba un pouco asustado ao inicio do curso porque sempre fun alumno e competidor, pero a verdade é que cambiar o rol, aínda que me custou porque planificaba as clases como competición e despois dinme de conta de que iso non podía ser e adapteime as necesidades dos nenos; foi interesante porque lles aprendín as técnicas desde nenos e inculcamos o respecto cara aos compañeiros e cara ao lugar onde adestran: saúdan ao entrar e piden permiso, e son pequenos valores que se lles van inculcando. No momento de traballar, todos teñen que centrarse, e cando xogamos tamén o facemos.
Unha valoración xeral do ano?
Sendo obxectivo, eu pensaba que con arredor de 40 licenzas ía ser bo ano, pero entre a escola e o colexio duplicamos ese número, así que obxectivo cumprido e con creces. A a nivel deportivo, contaba con sacar cintos, exames e así foi. Agora mesmo contamos con cintos brancos, amarelos laranxas, negros... Tamén quería sacar medallas provinciais, que se conseguiu, e logo conseguimos medallas en galego e nacional, e non contabamos con iso, polo que estamos moi moi contentos.
Con respecto ás familias, din que están moi contentos e notan moita melloría no comportamento dos pequenos e que é un plus de educación, de estar activos, de que lles guste facer deporte...
Como espera que sexa a tempada próxima?
Queremos seguir con esta dinámica de clases, que os nenos aprendan e o pasen ben, e queremos empezar a traballar nun equipo competición de combate e de técnica. Así, imos engadir clases para alumnos a partir dos 9 anos para perfeccionar os grupos e que poidan comezar a competir ben.
Mateo, concretamente, se segue igual, intentaremos que chegue a estar entre os mellores de Galicia e que o ano que vén poida formar equipo coa selección española.
Cales son os proxectos de futuro?
A intención deste ano era organizar un campionato en Sarria e fun falar co Concello, e involucráronse totalmente, ofrecendo o seu total apoio para levalo a cabo, pero non se puido realizar porque a Federación non tivo datas, entón movémolo para a tempada que vén.
Queremos relacionar o Camiño de Santiago co taekwondo dalgunha maneira co fin de promover que veña moita xente a Sarria tanto deportivamente para participar como as súas familias e outras persoas interesadas no deporte para promover a economía local. Así, contamos con persoas de toda Galicia e de fóra, de Asturias e de Castela e León, aínda que non sabemos numero de inscritos, será un campionato grande porque está pensando para que participen desde nenos pequenos ata persoas de 100 anos.