Álex Losada, da AC Taekwondo Sarria: “Estamos súper contentos co traballo e seguiremos así no 2025”
Por Jessica Fernández
Como despedida do 2024, Álex Losada, adestrador e promotor da AC Taekwondo Sarria, fixo unha valoración dos éxitos acadados na escola durante este ano que vén de rematar, poñendo en valor o traballo do seu alumnado durante os diferentes eventos deportivos nos que participaron.
Así, dixo que “a valoración deste ano é súper positiva, xa que a nivel de club aumentamos o número de licenzas, agora mesmo estamos arredor dos 140 alumnos e alumnas que forman parte desta familia deportiva da que estou súper orgulloso”, explica Losada, que destaca as clases que se imparten nos colexios de Sarria e Paradela, así como o alumnado propio da escola.
A Escola de Taekwondo fixo un ano de vida en xullo, polo que esta é a segunda tempada na que está activa e, a pesar do pouco tempo de vida, a escola xa está consolidada como un referente en Sarria e en toda Galicia, xa que neste ano e medio participaron de diferentes Open’s así como celebraron un en Sarria organizado polo propio Club. “O primeiro campionato de clubs de taekwondo organizado en Sarria saíu adiante grazas á implicación dos pais e nais dos nenos da AC Taekwondo Sarria, así como gracias ao Concello, que colaborou en todo o que nos fixo falta”, pon en valor Álex, quen, ademais, destaca a gran participación neste evento, “máis de 250 deportistas de altísimo nivel”. Con todo, lembra que nese Open do Camiño Vila de Sarria levaron 60 medallas a nivel de club que fixeron posible a participación nas distintas categorías do seu alumnado en posteriores eventos da mesma magnitude. “Estamos súper contentos con ese evento porque foi unha forma de promoción para poder participar nos demais e demostramos que hai moita preparación”.
SEGUIR MELLORANDO E APRENDENDO
Nesta dinámica de participación en eventos deportivos, a AC Taekwondo pechou o ano cunha nova xornada exitosa despois de participar no Open Cidade de Ourense organizado polo club Couto. Así, o club conseguiu un total de 28 medallas, destacando a prata conseguida por Mateo Fernández. Álex Losada pon en valor ao seu alumno, xa que destaca como competidor; é o único cinto negro e que pode participar en campionatos internacionais. Conta cun bronce no Open de España e outro a nivel europeo, que conseguiu no G1 de Croacia. Ademais, Losada subliña que Mateo “está de número 1 no ránking da Selección Galega na categoría júnior, mentres que eu estou de primeiro na sénior”.
Con respecto a si mesmo, este ano Álex participou no Campionato Mundial de Hong Kong, no que non gañou, pero “fun ben preparado e representei ao meu país no taekwondo, pero é un orgullo. Hai que ter en conta que alí vai o mellor de cada país, polo que eu estou súper contento como deportista e como adestrador, xa que estas experiencias de participar en campionatos son súper enriquecedoras para traerme a Sarria novos coñecementos que adquiro do mellor do mundo, xa sexan exercicios como correccións que poden axudar aos meus deportistas a que aprendan mellor o taekwondo”, explica.
Por isto, insiste en que “estamos súper contentos co noso equipo, cheo de alumnos e alumnas con moito potencial, ademais de campións galegos, polo que máis ledos non podemos estar”.
OS DESEXOS DE ANINOVO
En 2025, Álex Losada seguirá promovendo o coñecemento do taekwondo en Sarria baixo a filosofía de apostar polos máis pequenos: “Quero manter e crear unha base do deporte forte, que saiban o que están facendo e por que para que aprendan o taekwondo da mellor maneira posible, mentres que eu me manteño actualizado. Pero tamén quero que, sobre todo, desfruten deste deporte. Eu non me considero un adestrador de ‘resultado’, senón de ‘proceso’, polo que me preocupo moito por que se divirtan aprendendo e que vexan a AC Taekwondo como algo máis que o lugar onde veñen dúas veces por semana; que sexa un fogar, un espazo familiar no que desfruten do que fan e que vaian vendo logo os resultados. Con esta maneira de traballar, os resultados chegan antes e teño moitas felicitacións de outros adestradores e das familias polo bo traballo feito. Isto non é casualidade; hai moita planificación e é súper importante tamén a implicación das familias, que neste caso é total e imos familias e club na mesma dirección, e iso nótase. Hai grandes deportistas e grandes persoas, polo que eu tamén me entrego para conseguir unha base forte e conseguir converter deportistas en competidores”, destaca Álex Losada.
Finalmente, o proxecto que ten en mente para poñer en marcha o vindeiro ano é “volver a organizar o Open do Camiño Vila de Sarria no terceiro trimestre, pero adaptándonos ao calendario da Federación Galega de Taekwondo. Queremos que ademais sexa rankeable para poder puntuar na Selección Galega e que saia tan ben como este ano grazas á colaboración das familias e do Concello de Sarria”, conclúe.