Algunhas familias do Incio vanse concentrar en contra dos recortes de profesorado e contan co apoio da Fademur

SarriaXa
Algunhas familias do Incio vanse concentrar en contra dos recortes de profesorado e contan co apoio da Fademur
incio colexio alumnos
19 Jul 2023

Este xoves 20 de xullo os pais e nais dos nenos e nenas do colexio do Incio vanse concentrar ás 11.30 horas diante do Edificio Multiusos da Xunta de Galicia en Lugo para protestar en contra dos recortes de profesorado.

A Federación de Mulleres Rurais de Galicia, FADEMUR, súmase á concentración para poñer de manifesto "a discriminación e o desmantelamento que sofren os servizos públicos no rural por parte do Goberno galego", explican desde a federación.

Neste caso, segundo a Fademur, deixan "practicamente sen especialistas en pedagoxía terapéutica ao centro escolar Ricardo Gasset no que de cara o curso que vén vaise incrementar os alumnos e alumnas con necesidades especiais".

Fademur defende o rural

Desde Fademur quere poñerse de manifesto que a loita contra a desertización demográfica que padecen as aldeas e vilas pasa por activar políticas e medidas para o desenvolvemento rural que xeren emprego estable e de calidade en actividades económicas. Pero tamén por mellorar os servizos e equipamentos básicos como a educación, a sanidade, a dependencia, ou os transportes, no medio rural.

O medio rural precisa dunha discriminación positiva para aplicar un plan educativo específico, que sexa garante da equidade respecto das cidades. Non se poden rexer polos mesmos parámetros a hora da dotación de recursos que nos centros con un número maior de unidades.

0.16151189804077